Arquivo | De todo un pouco RSS feed for this section

A fin de ETA e a esperanza do fútbol

21 Out

 

 

O fútbol, ese deporte tan contaminado, sempre agocha algún detalle esperanzador. O mesmo día no que ETA anunciou (non foi sen tempo) o cese definitivo do terrorismo, múltiples personalidades do País Vasco amosaron a súa felicidade e esperanza no futuro nun programa de La Sexta. Un dos convidados foi Jokin Aperribay, presidente da Real Sociedad, que recoñeceu, a preguntas do presentador, que o seu equipo conta cunha importante porcentaxe de afeccionados achegados ao mundo abertzale. Pero tamén os hai do PNV, do PSOE, do PP…

“La Real es lo único que ha unido a mucha gente en Gipuzkoa durante los últimos años”, asegurou o máximo dirixente txuri-urdin, que recoñeceu tamén que Arnaldo Otegi e Mayor Oreja si teñen afeccións comúns e ata comparten filiación nunha entidade: os dous son socios da Real Sociedad.

Porque o deporte e o fútbol, que tantas veces atraen o peor do xénero humano e serven para aloxar a violencia máis estúpida, son tamén capaces de cousas como esta. Que o político conservador sexa seareiro dun club orgulloso euskaldún e na que a maioría dos seus xogadores apostan por unha selección vasca oficial, ou que o líder abertzale anime un conxunto coñecido polo seu apelativo máis monárquico.

 

 

Advertisements

Porque non sabemos parar quietos

18 Out

“Non podo parar quieta, son xornalista e isto é o que sei facer”. Así falaba unha compañeira e amiga no último día do falecido Xornal de Galicia para xustificar a estrea do seu magnífico blog económico. Porque disque cando se pecha unha porta ábrese outra fiestra, e varias xanelas estanse abrindo estes días na rede a mans dos meus colegas na aventura agora finiquitada.

DePunteirolo xa estaba aberta e naceu naquel Xornal.com como bitácora deportiva coa axuda de varios compañeiros. Agora, o que aquí escribe continúa con ela aberta pero na casa grande de internet. Saíra á luz como unha maneira de calmar as ansias de reflexións futboleiras ou baloncestísticas dun xornalista que adora os deportes pero que leva tempo escribindo de  economía, política, lingua ou calquera asunto relevante nesta estraña Galicia.

DePunteirolo seguirá falando de deportes, pero neste blog terán cabida moitas outras cousas. De punteira ou con efecto, pero sen furar. Estades todos convidados.

Dopaxe, entre inocentes e parvos

13 Dec

A operación ‘Galgo’ vén de desenmascarar unha importante rede de dopaxe no atletismo español. Ler estes días a prensa aumenta, e moito, as sospeitas sobre o uso xeneralizado de substancias ilegais no deporte en España. Sería inxusto meter a todos no mesmo saco e engadir suspicacias, especialmente naquelas disciplinas colectivas onde a técnica ten moita máis importancia que a forza e a resistencia.

No entanto, e á marxe dos evidentes prexuízos para os deportistas, poucos se acordan agora dos afeccionados. Para un amante do ciclismo, como o que aquí escribe, seralle difícil volver crer neste deporte. Logo dunha Vuelta na que se recuperou a ilusión por un dos espectáculos máis belos que se poden ver, xa nada será o mesmo. A cara de parvo que lle queda un tras as noticias sobre o Xacobeo ou mesmo Contador sería para estudar. Máis cando se pensa nas horas perdidas nos Lagos, coa auga caendo a chuzos, para gozar durante uns minutiños ao paso dos ciclistas.

É tamén agora cando veñen a mente aqueles ‘regates’ que moitos ciclistas fixeron ás preguntas sobre a dopaxe, como aquela do mito Indurain que tan ben recorda Jon Garay neste magnífico blog. “Siguiente pregunta”, repitía unha e outra vez o campión navarro. Como farían logo Rijs, Zülle, Heras… E non falemos dos malogrados Pantani ou Chava Jiménez. A presunción de inocencia é un dereito irrenunciable, pero a inocencia excesiva dos afeccionados podería converternos nos parvos dunha película onde os malos deberían ser os condenados. Que cheguen ao final. E que acaben de vez.

Alonso ten un Ferrari

15 Mar

I have a dream, dicía Martin Luther King. Seguramente, cando Fernando Alonso se bañou en cava no podio de Bahrein pensou o mesmo: I have a Ferrari (teño un Ferrari). Certo é que o rapaz levaba un par de anos de capa caída, a lidiar con coches que tiraban menos ca el. Pouco menos que era como o troncomóbil de Pedro Picapedra. Faltáballe ao asturiano sacar as patiñas por baixo do monopraza e darlle velocidade ao coche.

Pero en Bahrein non fixo falta. De saída, xa adiantou o seu compañeiro (veremos como acaba a relación Massa-Alonso, porque é ben sabido que dous galos no galiñeiro nunca foron bos de levar). Despois, tivo a “sorte” de que Vettel tivera problemas mecánicos e o resultado foi que acabou lucíndose e gañando a primeira carreira do ano. Chegar e encher. Agora quédalle o máis difícil, manter o nivel durante todo o ano.

Todo sexa dito, polo que máis me alegrei o domingo non foi polo propio Fernando Alonso, senón por Antonio Lobato. Nunca ninguén pensa neste pobre comentarista. El que era o homiño máis feliz do mundo cando Alonso subía ao podio. Este ano, se todo vai ben, vai ter unha chea de alegrías. El e os medios de comunicación en xeral. Porque a prensa véndese máis cando hai unha boa noticia. Conclusión: poderá Alonso rematar coa crise económica nos medios de comunicación?

Noela Rey Méndez