Arquivo | Marzo, 2012

Guadalajara ou como o fútbol debería ser

12 Mar

Os deportivistas que viaxaron a Guadalajara viviron unha desas viaxes que quedará gardada na memoria. E non polo decisivo do partido ou polo espectacular do resultado. Porque o fútbol é moito máis ou hai cousas deste deporte que deberían selo case todo. Que unha afección dun equipo que acaba de perder na casa aplauda aos seareiros rivais mentres estes celebran a vitoria é algo non moi habitual. Que as peñas deste mesmo equipo conviden ás do rival á súa festa é máis estraño aínda. E que presten instrumentos e palcos improvisados para  un duelo de cánticos amigable é unha festa. Rachada.

Porque hai moitos imbéciles (con perdón) que afrontan cada encontro como se dunha batalla se tratase. Que non entenden que o mellor deste circo que tanto engancha é o que se viviu nesta pequena cidade: dúas afeccións en sintonía, sen insultos, gozando do deporte e do turismo futboleiro. Os responsables dunha peña alcarreña trataban de explicar o pasado sábado a razón dunha hospitalidade que a maioría non agardaba. “No es normal que aquí vengan 2.000 personas; no estamos acostumbrados a disfrutar así del fútbol y lo que nosotros queremos es gozar de nuestra estancia en Segunda y de equipos como el Deportivo”, explicaba. E abofé que gozaron. Como os galegos que alí se desprazaron. Porque a afección do Guadalajara deu unha lección a todos. Tamén aos imbéciles (de todos os equipos) que insisten en estragar o que debería ser normal e en facer da tensión e as rivalidades esaxeradas unha norma. Como a aquel que en pleno intercambio de aplausos e cánticos agarimosos tratou de parar aos que berraban “¡Guadalajara!” para agradecer o tratamento recibido. Ninguén lle fixo caso. Por imbécil (con perdón).