Archive | Decembro, 2011

O Barça e o novo Brasil

19 Dec

Non hai moito tempo, os rapaces soñaban con ser brasileiros. E non polas marabillas varias que agocha Brasil (iso descubriríamolo máis tarde, claro), senón polo seu fútbol e polos seus futbolistas. Os nosos pais falaban de Pelé, Garrincha ou Zico e nós medrabamos idolatrando a Bebeto, Romario, Mauro Silva, Roberto Carlos ou Raí e máis tarde a Ronaldo, Ronaldinho ou Rivaldo. Viamos vídeos daquel Brasil dos 70 que nos insistían en declarar o mellor equipo do mundo e repasabamos unha e mil veces aquel gol que non foi gol d’O Rei do balompé.

Os nosos ídolos locais eran menores, unha especie de categoría inferior nun deporte dominado pola verde-amarela, eses globetrotters invencibles, eses extraterrestres. E non había equipo español que non intentase fichar un brasileiro que, fose como fose, sempre acababa sendo o líder do equipo. Bebeto, Mauro Silva, Rivaldo, Djalminha, Mazinho, Romário, Ronaldo, Ronaldinho… Sempre eles, sempre os mellores.

Pero agora, os globetrotters visten de blaugrana, a maioría son canteiráns do Barça e o seu espectáculo é rematado por un arxentino. O cambio de ciclo que nunca quixemos (nin agardamos) crer resúmese na frase do que é considerado o mellor xogador brasileiro do momento. Neymar cre que o Barcelona lle deu, na final do Mundial de clubs, “unha lección de como se xoga o fútbol”. E dio o ídolo do que era o país do deporte máis popular do mundo, o mesmo xogador que sería suplente no equipo de Guardiola. Porque, non nos enganemos, a alguén se lle ocorre un brasileiro que puidese ser titular na selección española de Xavi, Cesc, Iniesta, Xabi, Busquets ou Casillas? Quizais un, si, pero ese tamén xoga no Barcelona e na última obra de arte do conxunto de Pep rematou máis a porta que os dianteiros dalgún equipo de Primeira en toda unha Liga.