As estupideces dun derbi

9 Nov

Hai xa varias semanas, un compañeiro xornalista fíxome unha advertencia: “Téñolle moito medo a este derbi”. Non o dicía polo temor a unha derrota do seu equipo, senón polo perigoso ambiente que arrodeaba o duelo galego deste domingo. “E os clubs tampouco axudan a calmalo”, respondeu outro compañeiro de profesión. Referíase á diferenciación de gustos futbolísticos feita por Lendoiro, á inoportuna alusión ao eterno rival nos anuncios promocionais do conxunto vigués ou á estúpida prohibición de entrevistas conxuntas entre deportivistas e celtistas. Iago Aspas aínda non botara a lingua a pacer.

Porque a rivalidade é fundamental no deporte, o sabor do fútbol, sempre que non pase de vaciles, bromas e discusións. Podemos incluso entender que a tensión derive en enfrontamentos dialécticos e insultos durante o partido, que haxa nervios e sufrimiento, pero hai estupideces ­-e non falo das palabras do dianteiro moañés, que tamén o son- que son moi propias dos derbis. Tamén do galego, como non.

Hai un mes, Athletic e Real Sociedad enfrontáronse en Donosti no derbi vasco. A rivalidade entre guipuscoanos e biscaínos, que vai máis aló do futbolístico, quedou reducida ás palabras. Afeccionados de ambos os dous conxuntos aproveitaron o partido para compartir pinchos e cervexas pola zona vella donostiarra enchendo de colorido a cidade. Nin un só problema.

Pero a ningún seareiro  do Deportivo ou do Celta se lle ocorrería pasear coa súa camiseta pola cidade rival con motivo do derbi. Pódeo facer, si, arriscándose a ser agredido en calquera dos dous lugares. É así de triste. Mentres branquiazuis e celtiñas poden lucir as súas cores sen problemas en Santander, Valladolid ou Ponferrada, na súa terra vense obrigados a agochalos para garantir a súa seguridade e evitar desgrazas.

Nin grupos de amigos con afeccionados dos dous bandos se atreven a gozar xuntos dunha xornada que debería ser unha festa pero que, non nos enganemos, só o pode ser de forma separada. Quizais as federacións de peñas dun e doutro lado deberían rachar con esta dinámica. Está na súa man intentalo. Todos sabemos ben de onde veñen os riscos: daqueles que presumen de antirracistas e hipergalegos e non dubidan en insultar ao veciño ao berro de turco ou portugués. Estupideces.

Advertisements

4 Respostas to “As estupideces dun derbi”

  1. Carlos 9 de Novembro de 2011 ás 22:44 #

    Toda a razon. A ultima vez que fun a Vigo lembrome que a policia levounos a pe desde a estacion de tren ata Balaidos. Mexaban porriba nosa desde os balcons. Lamentable. Supoño que alguen do sur tera anecdotas similares. Ogalla disfrutemos dun derbi tranquilo. E que gañe o Depor claro.

  2. oasispain 10 de Novembro de 2011 ás 17:04 #

    Tampouco poñamos aos vascos coma exemplo de antiviolencia. Cafres hainos en todos sitios. O que pasa e que enfocan a violencia contra diferentes cousas. Eu prefiro ir cunha camiseta do Celta por Coruña que cunha de España polo centro de San Sebastián.

    • depunteirolo 10 de Novembro de 2011 ás 17:32 #

      Poño aos vascos como exemplo de comportamento no derbi e, de todas formas, identificar vasco e violencia é perigosísimo. Pasear cunha camiseta da Real Sociedad ou cunha ikurriña preto do Bernabéu é moi perigoso e non por iso os madridistas ou madrileños son violentos.

  3. oasispain 10 de Novembro de 2011 ás 18:23 #

    Por iso, cafres hainos en todos lados. Non identifico seguidores dun equipo determinado coa violencia. Pero á meirande parte deles lles abonda cun par de declaracións provocadoras para que se encendan… Non somos os galegos máis violentos. O problemas son os xogadores, directivos, etc.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: