Arquivo | Novembro, 2011

As teclas de Oltra

27 Nov

Parece que Oltra comeza a dar coa tecla aquela que buscaba. E estaba na casa. A inclusión de Juan Domínguez dálle ao Deportivo máis balón, máis control e máis fluidez no mediocampo. Certo que lle resta solidez, pero non hai mellor defensa que gardar a pelota o maior tempo posible, e aí o canteirán é especialista.

Porque ante o Almería o Deportivo xogou un partido completo. Certo é que non creou tanto perigo como noutros encontros, pero a cuestión é que tampouco llo crearon. De que vale ter cinco ocasións claras se o rival crea outras tantas? Nada como ter o balón e sacalo con acerto. E aí, Zé Castro non ten rival no plantel coruñés. Ten criterio e o venres permitiuse pases de 50 metros que había meses que non aparecían por Riazor.

Pero Zé Castro equivocouse. Marchou por onde non debía e tocoulle a tecla mala a Oltra, que tamén se trabucou. Que un adestrador teña que ser calmado polo preparador físico, o seu segundo e algún futbolista non é unha imaxe edificante. O erro do defensa portugués non semellaba tan grave como para que o adestrador valenciano quedase en evidencia desa maneira. Alporizado, berrando e dando golpes ao banco. Incomprensible, a non ser que se decatase naquel momento que a decisión de prescindir de Rochela e a enésima (e case agardada) lesión do zagueiro luso lle obrigaba a improvisar con Manuel Pablo de central.

Arranxemos o derbi

15 Nov

Disque non houbo grandes disturbios, pero o que non houbo foi puntería. As botellas non deron atinado nalgunha cabeza nin no condutor dun bus. Os asentos tampouco bateron con forza nos rapaces da bancada de abaixo. O que houbo foi, unha vez máis, estúpidos cometendo estupideces. Estupideces que son un delito.

E non hai desculpa. Só nos arrepentiremos cando a puntería mellore. Daquela botaremos as mans á cabeza e lembraremos que noutros derbis a xente comparte tapas e cañas e só discute verbalmente, vacilando, con inxenio. Coa retranca que uns e outros amosaron con algunha pancarta. Porque saben facelo, saben facer rabear ao veciño sen ameazalo, empregando o humor, sendo agudos… Pero non queren.

E moitos non queren porque ninguén lles di que iso é o mellor. Políticos localistas aproveitáronse ben do fútbol hai anos. Agora futbolistas e directivos seguen o seu ronsel, sacando a lingua a pacer ou impedindo escenas de cordialidade entre os equipos. Pero son minoría, como os estúpidos que houbo en Riazor. A maioría sente a rivalidade, pero que celtista non ten amigos deportivistas? Que deportivista non ten amigos celtistas? Por que non poden ir xuntos ao estadio?

Arranxemos o derbi. E se os afeccionados (sensatos) dun e doutro equipo toman a iniciativa? Non poden facer máis as federacións de peñas? Imaxínense unha quedada de celtistas e deportivistas na previa do vindeiro derbi. Nunha praza, todos xuntos, mesturados, sen problemas … A quen lle tirarían pedras os imbéciles? Daquela si que terían que ter puntería. Demasiada.

As estupideces dun derbi

9 Nov

Hai xa varias semanas, un compañeiro xornalista fíxome unha advertencia: “Téñolle moito medo a este derbi”. Non o dicía polo temor a unha derrota do seu equipo, senón polo perigoso ambiente que arrodeaba o duelo galego deste domingo. “E os clubs tampouco axudan a calmalo”, respondeu outro compañeiro de profesión. Referíase á diferenciación de gustos futbolísticos feita por Lendoiro, á inoportuna alusión ao eterno rival nos anuncios promocionais do conxunto vigués ou á estúpida prohibición de entrevistas conxuntas entre deportivistas e celtistas. Iago Aspas aínda non botara a lingua a pacer.

Porque a rivalidade é fundamental no deporte, o sabor do fútbol, sempre que non pase de vaciles, bromas e discusións. Podemos incluso entender que a tensión derive en enfrontamentos dialécticos e insultos durante o partido, que haxa nervios e sufrimiento, pero hai estupideces ­-e non falo das palabras do dianteiro moañés, que tamén o son- que son moi propias dos derbis. Tamén do galego, como non.

Hai un mes, Athletic e Real Sociedad enfrontáronse en Donosti no derbi vasco. A rivalidade entre guipuscoanos e biscaínos, que vai máis aló do futbolístico, quedou reducida ás palabras. Afeccionados de ambos os dous conxuntos aproveitaron o partido para compartir pinchos e cervexas pola zona vella donostiarra enchendo de colorido a cidade. Nin un só problema.

Pero a ningún seareiro  do Deportivo ou do Celta se lle ocorrería pasear coa súa camiseta pola cidade rival con motivo do derbi. Pódeo facer, si, arriscándose a ser agredido en calquera dos dous lugares. É así de triste. Mentres branquiazuis e celtiñas poden lucir as súas cores sen problemas en Santander, Valladolid ou Ponferrada, na súa terra vense obrigados a agochalos para garantir a súa seguridade e evitar desgrazas.

Nin grupos de amigos con afeccionados dos dous bandos se atreven a gozar xuntos dunha xornada que debería ser unha festa pero que, non nos enganemos, só o pode ser de forma separada. Quizais as federacións de peñas dun e doutro lado deberían rachar con esta dinámica. Está na súa man intentalo. Todos sabemos ben de onde veñen os riscos: daqueles que presumen de antirracistas e hipergalegos e non dubidan en insultar ao veciño ao berro de turco ou portugués. Estupideces.