Arquivo | Outubro, 2011

Deportivismo, celtismo e estados de ánimo

28 Out

“O fútbol é un estado de ánimo”, dicía Jorge Valdano nunha das súas destacadas frases. Referíase aos equipos e non ás súas afeccións, obviamente. Porque se o estado de ánimo da bancada marcase a traxectoria dun club, a situación nos estadios dos dous principais equipos galegos faríanlle dubidar ao ex adestrador arxentino das súas palabras.

O Deportivo está na súa peor tempada dos últimos vinte anos, vén dun tráxico descenso, ten unha difícil situación económica, non se dá afeito á Segunda División, acumula dúbidas -sobre todo cando xoga fóra da casa- e atura a presión de ser considerado o mellor plantel da categoría. No entanto, só co asubío final do partido ante o Nàstic a bancada de Riazor deixou ver algo do seu descontento, con lixeiras protestas que non pasaron a máis malia os ridículos que os branquiazuis asinaron en Alcorcón ou Alcoi e, en menor medida, Cartaxena. Todo, ademais, co apoio dunha masa social de preto de 25.000 abonados e as mellores entradas da división de prata.

O Celta, malia a decepción do frustrado ascenso, está máis afeito á categoría, vai mellorando as súas prestacións, supera xa o seu máximo rival na táboa e está en clara progresión. Aínda así, no descanso do último partido en Balaídos ante o Girona, moitos dos afeccionados celtiñas asubiaron o equipo e insistiron nese ruxe-ruxe que arrodea o seu adestrador desde hai meses. O propio Paco Herrera pediu apoio a unha bancada que non adoita chegar aos 10.000 espectadores de media.

De seguro, o deportivismo perderá a súa innata paciencia se as cousas non melloran e o celtismo aumentará o seu apoio a medida que sigan mellorando os resultados. Ou quizais non…

Advertisements

A fin de ETA e a esperanza do fútbol

21 Out

 

 

O fútbol, ese deporte tan contaminado, sempre agocha algún detalle esperanzador. O mesmo día no que ETA anunciou (non foi sen tempo) o cese definitivo do terrorismo, múltiples personalidades do País Vasco amosaron a súa felicidade e esperanza no futuro nun programa de La Sexta. Un dos convidados foi Jokin Aperribay, presidente da Real Sociedad, que recoñeceu, a preguntas do presentador, que o seu equipo conta cunha importante porcentaxe de afeccionados achegados ao mundo abertzale. Pero tamén os hai do PNV, do PSOE, do PP…

“La Real es lo único que ha unido a mucha gente en Gipuzkoa durante los últimos años”, asegurou o máximo dirixente txuri-urdin, que recoñeceu tamén que Arnaldo Otegi e Mayor Oreja si teñen afeccións comúns e ata comparten filiación nunha entidade: os dous son socios da Real Sociedad.

Porque o deporte e o fútbol, que tantas veces atraen o peor do xénero humano e serven para aloxar a violencia máis estúpida, son tamén capaces de cousas como esta. Que o político conservador sexa seareiro dun club orgulloso euskaldún e na que a maioría dos seus xogadores apostan por unha selección vasca oficial, ou que o líder abertzale anime un conxunto coñecido polo seu apelativo máis monárquico.

 

 

Porque non sabemos parar quietos

18 Out

“Non podo parar quieta, son xornalista e isto é o que sei facer”. Así falaba unha compañeira e amiga no último día do falecido Xornal de Galicia para xustificar a estrea do seu magnífico blog económico. Porque disque cando se pecha unha porta ábrese outra fiestra, e varias xanelas estanse abrindo estes días na rede a mans dos meus colegas na aventura agora finiquitada.

DePunteirolo xa estaba aberta e naceu naquel Xornal.com como bitácora deportiva coa axuda de varios compañeiros. Agora, o que aquí escribe continúa con ela aberta pero na casa grande de internet. Saíra á luz como unha maneira de calmar as ansias de reflexións futboleiras ou baloncestísticas dun xornalista que adora os deportes pero que leva tempo escribindo de  economía, política, lingua ou calquera asunto relevante nesta estraña Galicia.

DePunteirolo seguirá falando de deportes, pero neste blog terán cabida moitas outras cousas. De punteira ou con efecto, pero sen furar. Estades todos convidados.