Arquivo | Agosto, 2011

A estraña folga dos futbolistas

22 Ago

 

Partamos de que os futbolistas están no seu dereito a facer folga. É lexítimo que quen asina un contrato esixa que se cumpra, e é algo máis que lexítimo pedir que os clubs de fútbol paguen o que deben aos xogadores. No entanto, as formas deste paro futbolístico, tal e como denunciou o propio adestrador do Deportivo, non parecen nin correctas nin axeitadas. Menos aínda nestes tempos.

Dicir que é indignante ver a futbolistas multimillonarios colocados tras o portavoz sindical coma se fosen traballadores do metal en pleno conflito é demagóxico. Pero indigna. E indigna moito máis que uns xogadores decidan facer unha folga indo a traballar, outros parando só un día e algúns outros xogando partidos amigables. E todos cobrando, algo inusual para quen fai folga, que non só asume posibles represalias senón que se ve suspendido de emprego e salario nese día de paro. Os máis grandes, Barça e Madrid, volveron dar o peor exemplo adestrando e incluso disputando encontros. Os mesmos que deron a cara para apoiar unha causa totalmente lexítima.

E indigna tamén que os mesmos que agora berran e loitan dunha vez por todas contra unha inxustiza non dubiden en dicir ante calquera micrófono que cobrar unha prima por gañar dun equipo alleo ao seu é algo normal e ético. Todo malia que saben que eses cartos, que moitas veces recollen en maletíns chegados desde milleiros de quilómetros, non son legais, nin declarados nin por suposto éticos. Son diñeiro negro. O mesmo diñeiro negro que algúns (digan o que digan) tamén cobraron algunha vez por non esforzarse de máis malia ter nóminas millonarias.

O fútbol e os futbolistas queren presentarse agora como un sector máis da sociedade afectado pola crise. E hainos moi prexudicados , pero son minoría. O mesmo sector que agora quere saír da súa burbulla, pese a que non se lembra ningún xogador de Primeira e Segunda División que apoiase ou se solidarizase coa folga xeral do pasado 29 de setembro en España. Adestraron e algúns incluso xogaron. Só un equipo profesional, o Rayo Vallecano, decidiu parar daquela. Quizais o único plantel de futbolistas aos que os efectos da crise no fútbol os achegou ao mundo terreal que poucas veces pisan. Curioso.

Advertisements