Arquivo | Xullo, 2011

As bágoas do fútbol galego

5 Xul

 

 

O frustrado ascenso do Lugo foi só a última traxedia dun ano nefasto para o deporte rei en Galicia. Ao descenso do Deportivo e Pontevedra uníronselle as decepcións de Celta, Racing ou Ourense na súa loita por subir de categoría

No mes de maio de 2003, hai pouco máis de oito anos, Celta e Deportivo enfrontábanse nun Balaídos ateigado. Os dous grandes do fútbol galego xogábanse tres puntos fundamentais a poucas xornadas do final da Liga. Os vigueses buscaban un triunfo que os achegase á Champions. Os coruñeses, unha vitoria que os deixase a só un paso de conquistar o seu segundo campionato, tras o acadado só tres anos antes.

Nove anos antes, ao final da tempada 1993-94, o celtista Alejo erraba no Calderón un penalti que suporía o primeiro título da historia do Celta e Djukic outra pena máxima que lle roubaba aos deportivistas estrear o seu palmarés. Nesa mesma campaña, o agora esquecido Compostela derrotaba o Rayo Vallecano en Oviedo para completar o trío de equipos galegos na Primeira División do fútbol español.

Dez anos despois daquel partido de Balaídos e menos de vinte daquelas bágoas que os porteiros González e Cedrún provocaron en deportivistas e celtistas, os 
dous históricos equipos de Galicia volverán enfrontarse tras varios anos sen derbi. Pero farano na Segunda División, para desgraza de todos os afeccionados.

Atrás quedaron os seis títulos do Deportivo (unha Liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas), as fazañas europeas (ante históricos como Milan, PSG, Bayern, Juventus, Arsenal…), os pichichis, os zamoras, os caneos de Djalminha e Bebeto, o Centenariazo… E tamén a Rianxeira en Balaídos, o xogo preciosista daquel Celtiña, as goleadas europeas (a Benfica ou Juventus), as finais copeiras, as vitorias en casa de históricos clubs ingleses…

E moito máis lonxe aínda queda o subcampionato de inverno do Compostela, un equipo lastrado polas débedas e a mala xestión deportiva que agora intenta revivir desde as máis baixas categorías galegas.

O Ferrol%22&destino=xornal” title=”Buscar más entradas en Xornal para: Racing de Ferrol”>Racing de Ferrol, o Ourense ou o Pontevedra, que gozaron da Segunda División nalgunha ocasión durante estas dúas últimas décadas, partirán o ano que vén na Terceira galega, unha categoría que será das máis duras que se recordan na historia e na que tamén estará o Fabril. O filial deportivista uniuse, co seu descenso, ao annus horribilis dos coruñeses.

Porque o fútbol galego cambiou, e moito. Na Segunda B, e á marxe do filial celtiña, os outros dous representantes galegos serán o Coruxo e o Montañeiros, dous equipos sen tanta tradición e localizados nas dúas grandes cidades de Galicia.

Á hora de analizar as causas desta desfeita do balompé galego, a maioría dos consultados coinciden: “hai moitos factores, pero sobre todo a mala planificación económica da maioría dos equipos”. Así o explica Nacho Pacios, agora adestrador e mítico lateral esquerdo do Celta e do Compostela.

“Cando había cartos, os equipos preferiron gastalos en xogadores en vez de afianzar a canteira, as escolas infantís ou de adestradores; agora que veñen mal dadas, parece que se acordan da base e o Celta semella ir polo bo camiño, pero tivo que descender e endebedarse para se decatar”, reflexiona o ex futbolista, que lembra que ese mal non afectou só os dous grandes de Galicia. “Algún escandalizaríase se comprobase as fichas que pagaban equipos como o Pontevedra ou o Ourense”, advirte.

Xosé Manuel Traba, ex xogador do Deportivo e comentarista na Radio Galega, vai polo mesmo camiño. “A planificación futbolística do Depor, por exemplo, foi moi mala, pero o tema económico inflúe moito”, destaca. Para o ex dianteiro, os clubs galegos, “pero tamén noutros sitios, sempre se centraron máis no presente que no futuro e nunca fixeron unha planificación a catro ou cinco anos”. “Agora o Celta tira da canteira e o Deportivo comeza a facelo, aínda que menos; deberíase confiar máis nos novos para ter unha base sólida para moitos anos; os exemplos de Villarreal ou Espanyol son moi significativos”, engade.

Segundo Traba, equipos como o valenciano ou o catalán “saben que coa base que teñen, no caso de entrar en crise, sempre poden tirar con garantías dos rapaces ou vender promesas para sanear a economía”.

Porque canteira haina. Xisco deixou sete millóns no Deportivo e Laure, Lassad, Rochela e Juan Domínguez deberían ser claves na Segunda. No Celta, Vila, Mallo, Lago, Michu, Aspas ou Álex López demostraron que non teñen nada que envexar aos de fóra. E son da casa. Non se pagou traspaso ningún por eles. Pero foi tarde. Algo semellante ocorreu co Pontevedra, afogado tras anos de fichas e gastos excesivos para o seu nivel. O Lugo, que pasou polo mesmo problema, aprendeu a lección. “O problema é cando non planificas de acorde ás posibilidades”, di Traba. “Oxalá me equivoque, pero creo que a maioría de equipos non aprenderon a lección”, insiste Nacho.

Xosé Manuel Traba advírteo: “A Segunda é moi dura e o Deportivo ficha pensando en ascender canto antes, cando quizais debería apostar máis polos rapaces do Fabril para asentar un equipo forte… Máis tendo en conta que ten unhas das mellores instalacións deportivas do fútbol español”.

De feito, os xuvenís de Deportivo e Celta levan anos asinando boas tempadas e algúns dos seus xogadores son pretendidos ou fichados por grandes clubs europeos. “Pero só se confía neles cando se ten a auga ao pescozo; o normal era preferir gastar en fichar algúns xogadores que é mellor nin recordar… Moitos non achegaron nada, pero cortáronlle o paso aos novos”, volve destacar Nacho.

No entanto, tanto Traba –aínda máximo goleador histórico do Deportivo en campionato ligueiro– e Nacho – lateral esquerdo que liderou o mellor Compostela– saben que no fútbol “inflúen un cúmulo de circunstancias”. “A sorte, as arbitraxes, as lesións… Todo che pode saír ao revés e houbo equipos galegos aos que as cousas lles foron mal desde o principio”, din.

Porque por iso o fútbol, tan inxusto ás veces, segue a ser, en palabras do escritor Eduardo Galeano, “o máis importante de entre as cousas menos importantes” para miles de millóns de persoas. “Os resultados ao final da tempada non adoitan ser casualidade, pero todo suma”, aclara Nacho.

Ao fin e ao cabo, tan só uns poucos centímetros separaron o que puido ser unha campaña histórica para o balompé galego da desfeita final. Os cinco centímetros que distanciaron o disparo de Colotto das redes no último partido en Riazor ante o Valencia ou os que afastaron o balón golpeado por Michu da portería na quenda de penaltis ante o Granada. Ou incluso os que provocaron que ao Lugo lle anulasen dous goles claves no último partido da promoción de ascenso ante o Alcoyano.

Cun chisco máis de sorte, ninguén falaría disto. E con tanta derrota, sempre quedará a imaxe da afección deportivista presumindo de cores no peor día dos últimos vinte anos, a dos celtiñas abrazando xogadores en Peinador ou aos do Lugo consolando o seu adestrador. Por iso “o fútbol é a única relixión sen ateos”. Galeano dixit.

Por Miguel Pardo