Arquivo | Abril, 2011

Mourinho e a metamorfose de Arbeloa

28 Abr

Deixemos á marxe a delirante rolda de prensa (unha máis) de José Mourinho. Deixemos a un lado que este adestrador intente xustificar as súas derrotas nos árbitros e non no seu pésimo plantexamento. Intentemos apartar dos nosos oídos esas palabras coas que insinúa que as vitorias do Barcelona só son froito dos favores da Federación, da UEFA, dos colexiados ou da simpatía por Unicef. Intentemos esquecernos da semifinal de hai sete anos (Porto-Deportivo) na que unha escandalosa actuación arbitral beneficiou o seu equipo, xusto no mesmo ano no que o conxunto portugués foi investigado por presunto suborno aos árbitros. Esquezan que lle faltou ao respecto a Preciado, ao Málaga, a Gregorio Manzano…

Esquézano porque todo é unha actuación. Ou iso quero pensar. Non se pode ser tan retorcido como para pensar que é “vergonzoso” que o equipo que mellor xoga gañe a Copa de Europa ou para asegurar que lle dá “noxo” ese deporte polo que ingresa máis de dez millóns de euros cada ano.

Porque a capacidade de Mourinho para enlamar o ambiente é indubidable. Niso é o “puto amo”. E ten mérito, moito mérito facer xogar un grandioso equipo como o seu como un conxunto pequeno. E moito máis facelo convencendo a xogadores de tanta calidade de que o seu é agardar, pegar e correr. Ten moito valor. Moitísimo.

O mellor exemplo desta transformación non é outro que Arbeloa, paradigma dese príncipe convertido en ra da noite á mañá por obra e graza de Mourinho. Os que tivemos a sorte de coñecer o lateral do Madrid durante a súa época deportivista seguimos sen dar crédito. Era difícil atopar un futbolista tan educado, noble e honesto como el, tanto fóra como dentro do campo.

Pero Arbeloa xa non é Arbeloa. Ou non é o Arbeloa co que gozou Riazor, Anfield e a selección española. E o caso é que sorprendeu a moitos. Que faría Mourinho con el para que en tan só dous partidos cravase os tacos na perna dun compañeiro de selección e na de Adriano, para que se encarase con medio equipo rival e acabase iniciando a pelexa no túnel dos vestiarios? Por que un home temperado como Xavi non fixo máis que acusar co seu dedo ao madridista? “Siempre tú, siempre tú”.

Mourinho foi capaz diso e moito máis, como ditar o discurso chorón do final do partido a Cristiano e Sergio Ramos, pero tamén a Xabi Alonso, home cabal ata o día de onte. E iso ten mérito. Moito mérito. Tanto como para facer caer unha enorme institución como o Real Madrid nun ridículo espantoso. Gañe ou perda.

Advertisements

Dúas caras, unha bancada

18 Abr

O Deportivo volveu amosar o pasado domingo en Riazor as súas dúas caras. A primeira, a dos 44 minutos iniciais, onde os coruñeses volveron ser superados polo rival, non foron quen de levar a iniciativa e onde eses ‘peloteros’ que moitos levan pedindo meses non rascaron bóla.

Pero o Dépor espertou grazas á efectividade dos seus dianteiros, xusto a eiva máis importante dun equipo cuxa falta de gol é (ou foi?) alarmante. Marcou Xisco, ese rapaz que multiplica o rendemento na Coruña, e Lassad, un mozo que en boa forma ten pouco que envexar en calidade aos mellores do plantel. Só co 2-0 o equipo coruñés deu o mellor de si, elaborando xogadas tan sinxelas como pouco vistas en Riazor nos últimos tempos.

Colleu aire un Deportivo que segue cometendo erros pero que ve a salvación máis preto. Fïxoo tamén grazas a unha afección que só ten unha cara, especialmente cando as cousas veñen mal dadas. Animou e acompañou conformándose unicamente co esforzo e o compromiso. A mesma bancada que agora soña con quedar en Primeira e que hai tan só sete anos estivo a piques de viaxar a unha final da Champions. E iso ten moito mérito.

Nin árbitros, nin gaitas

18 Abr

O Celta deixou de falar de árbitros. E de mal xogo. A vitoria en Albacete deixou claro que é difícil crer en conspiracións contra o conxunto galego. Certo que sufriu unha morea de erros incomprensibles por parte dos colexiados, semellantes ao que o pasado domingo o favoreceron e prexudicaron o seu rival.

Este erro, desta vez beneficioso para o Celta, é tamén unha boa forma de que os vigueses centren o seu debate no fútbol e, se cadra, nos resultados. Sen xogar un excelente partido e sufrindo máis da conta, os de Herrera sumaron tres puntos vitais para se asentar na terceira praza e para non descolgarse na loita polo ascenso directo. E iso é todo.

Agora o importante só é sumar. Porque os celtiñas teñen aínda por diante o reto de volver a onde lles corresponde. E aínda poden facelo evitando o play-off. Se non o consegue, sabe que lle esperan duras eliminatorias, pero apostamos a que ningún dos que loitan por optar a Primeira estean desexando atoparse cos galegos no cruce da promoción.

Volven as ‘hormigoneras’, regresa o fútbol

15 Abr

Disque volven as ‘hormigoneras’ do ascenso. Para calquera deportivista que pase ou ande preto dos 30 anos, eses enormes vehículos branquiazuis son todo un símbolo. Escoitar as súas bocinas ao lonxe era sinónimo de nerviosismo, partido transcendental ou ilusión a moreas.

José Luis Martínez Souto, ‘o Americano’, foi o inventor daquela mastodóntica peregrinación que encheu as rúas da Coruña nalgúns dos encontros máis importantes da historia recente do club. Pero as ‘hormigoneras’ non son símbolo da Champions, os títulos ou as vitorias históricas. Estes vehículos da empresa Horbesa -compañia de Carballo que puxo en marcha esta curiosa forma de animación- acudían nos bos tempos, pero tamén nos malos. Estiveron naquela promoción perdida ante o Tenerife e logo no partido do ascenso ante o Murcia. Viviron a queima da cuberta de Tribuna e non faltaron nalgunha das noites máxicas das épocas máis gloriosas.

Pero agora, que as cousas non pintan tan ben, as ‘hormigoneras’ volven este domingo ante o Racing para deixar claro de onde vén o Deportivo e cal é a súa realidade. Regresa un símbolo nun momento clave. Volven para pular por un equipo en Primeira, aló a onde chegara hai vinte anos empurrado pola forza das súas enormes rodas. Nin limusinas, nin Mercedes, nin galácticos. Este é o fútbol auténtico. O de verdade.

Un Celta sen sinais de recuperación

9 Abr

Xa son cuartos e, ao paso que van, quizais se poida continuar a caída clasificatoria. O Celta volveu perder e, o que é peor, volveu dar mostras de que non ten visos de regresar á senda gañadora. O ascenso directo xa é case unha utopía e a promoción parece a única opción posible. Visto o visto, o único que queda pensar é que a estratexia céltica sexa a de deixar diante a Betis e Rayo –porque xa non se ven ao seu nivel– e dedicarse a descansar e coller forzas para as eliminatorias da promoción. Se non, non se explican os golpes consecutivos que levan nas cachas os de Paco Herrera.