Arquivo | Marzo, 2011

Unión para levantar o Celta

28 Mar

O celtismo anda decepcionado. A mala xeira de resultados e a goleada sufrida o pasado sábado volveu meter os afeccionados vigueses nese pesimismo no que semellaban instalados ata o comezo desta tempada.

Seguro que é difícil recuperar agora o optimismo, pero é tamén seguro que calquera dos seareiros ao que se lles preguntase aló por agosto se asinarían estar terceiros e a catro puntos do segundo a estas alturas non dubidaría en aceptar o trato. Quizais debe ser esa a actitude.

O celtismo, tan castigado nos últimos anos, debe prestar o último alento a prol dun equipo esgotado fisicamente e ao que as lesións e as sancións están xogando unha mala pasada. Gañar en Sevilla ao Betis suporía volver engancharse ao ascenso directo. Así de simple. Pero pase o que pase, o Celta seguirá tendo unha oportunidade de ouro para volver á máxima categoría. E quedan 33 puntos en xogo.

A afección celtiña anda argallando iniciativas para animar os seus xogadores, ben sexa no estadio ou no propio adestramento. Mentres, os debates (mediáticos ou non) engaden ao mal momento do equipo a presunta falta de apoio da bancada, que o pasado sábado non cumpriu coas expectativas de afluencia. A unión e o apoio, sobre todo agora, debería ser o inicio do soñado ascenso. Sen iso, todo será moito máis difícil.

A afección sensata (#eldepornobaja)

22 Mar

A afección deportivista acaba de lanzar unha campaña a través do twitter na que co lema #eldepornobaja pretenden amosar o seu apoio ao club neste difícil momento. O primeiro paso é recoñecelo. A bancada parece hoxe en día o elemento máis sensato do deportivismo. Mentres Lendoiro asegura que o equipo ten vimbios para salvarse “con tranquilidade” e os futbolistas parecen non decatarse do moito que se están xogando, os seareiros volven demostrar a madurez que moitos quixeron quitarlle ao acusalos de crerse o que non eran nos tempos de bonanza.

Saben de onde veñen e cara a onde van. A afección volve demostrar co seu apoio e confianza que seguirá animando, pero tamén deixa claro que é consciente de que “isto é o que hai” e que o lugar deste Deportivo, por plantel, non é outro que sufrir ata o final. Ninguén mellor que o que leva anos acudindo a Riazor para se decatar de que ante a falta actual de calidade o que queda é pedir garra, compromiso, forza e amor propio, xusto o que a algúns futbolistas (a maioría) lles faltou no último partido ante o Levante.

Porque se algo non se acepta é a falta de intensidade, máis ainda tendo en conta a que os mesmos amosaron en encontros como o do Villarreal, o Sevilla ou o Real Madrid, partidos á noite e con moitas cámaras enfocando. “Xogando ao 70% salvámonos”, dixo Lassad, nunha afirmación tan vergonzosa como sintomática.

Terán culpa os xogadores, tamén Lotina e por suposto Lendoiro, pero é esta afección a que hai tempo que sabe que tocará sufrir. Os transfers perdidos, os músculos de cristal e a ‘estampida’ ao final de tempada quedarán para outro momento. Cando acabe a Liga, será o momento de pedir explicacións ante tal desfeita, pero de momento, a afección só quere seguir en Primeira. Supoñemos que o resto tamén.

Perdendo a cabeza

14 Mar

Agora seica o Barça se dopa. Logo de culpar ás conspiracións arbitrais ou ao calendario, o Madrid vai máis aló nunha deriva perigosa. Non o dixo Mourinho desta vez, pero si un xornalista que cita “fontes madridistas” de alto nivel que espallan sospeitas sobre o nivel físico do Valencia das dúas Ligas e do Barça actual.

A historia lembra a ese suposto “intento de apuñalamiento”, “agresión”, “rozadura” ou vai ti saber que conto que saíu doutro xornalista dunha emisora rival e que quedou en nada. Non había probas, ninguén sabía de que se trataba e o Madrid encargouse de advertir da falsidade da noticia. Pero o dano está feito. Mente que algo queda, adóitase dicir.

Porque esta grave acusación quedará tamén en nada. E será fume cando ese ‘ente’ madridista que adoita levantar sospeitas ou o xornalismo afín ao club se decate de que atribuír tal cousa ao mellor equipo do mundo supón tamén espallar lixo arredor da exitosa selección española, cuxa base e once titular é maioritariamente culé. E iso, vendo o que se leva falado de Contador ou Marta Domínguez, non parece o mellor para o deporte español.

Quedará en nada pero non se esquecerá que hai a quen lle vale todo para desviar a atención ou intentar desequilibrar os contrarios. Mentres, o adorado Florentino seguirá definindo estas cousas como “señorío”.

Tocará sufrir

14 Mar

Parece que Celta e Deportivo empéñanse en sufrir para acadar os seus obxectivos. Os vigueses, que ían lanzados cara ao ascenso directo, dilapidaron en só tres xornadas a considerable vantaxe que mantiñan con Rayo e Betis. Os coruñeses, pola contra, continúan deixando para casa os deberes que semellan non querer facer fóra.

Máis aló das queixas arbitrais de ambos os dous equipos (se cadra moito máis fundadas nos celestes), é evidente que os obxectivos xa non se ven tan claros como antes. O Deportivo terá agora por diante cinco partidos claves (Levante, Mallorca, Málaga, Hércules e Racing) nos que sacar nove puntos poderían darlle virtualmente a salvación. Pero hai que sacalos. Ninguén asegura gañar por decreto en Riazor e o limitado do conxunto convida a deixarse a pel se non se queren sustos.

Para o Celta, resignarse a disputar a promoción é un risco ben alto, aínda que todos os puideran asinar ao comezo da tempada. Xogarse o ascenso en catro partidos máis ante equipos menos esixidos pola historia non parece a mellor receita. Pero confiemos, a pesar de todo, en que haxa derbi para o ano que vén e que sexa, por suposto, en Primeira. Galicia meréceo.

O Chelsea e o Málaga

3 Mar

Cando Mourinho desprezou o Málaga cunhas novas declaracións explosivas, advertiu que el nunca adestraría a ese equipo andaluz porque ben seguro que tería ofertas de clubs grandes de Inglaterra ou de Italia. O Chelsea, onde pasou varios anos, debe ser un deles. Lonxe de facer comparacións, cómpre recordar que o club londiniense era, ata a chegada dos petrodólares (gasodólares?) de Abramovich, unha das moitas entidades históricas do Reino Unido. Sen moito máis. Concretamente, e antes de 2003, os blues ocupaban o posto 19º no palmarés de campións de Liga en Inglaterra. Moi por debaixo de Liverpool, Manchester United, Arsenal, Everton, Aston Villa, Sunderland, Newcastle ou Wolverhampton Wanderers, e ao mesmo nivel que o West Bromwich Albion ou o Ipswich Town.

A chegada do magnate ruso elevou o club de Londres a un nivel que pode que merecese por historia e afección, pero que non tiña. O xeque que aterrou no Málaga, con métodos máis ou menos discutibles, pretende algo semellante. Pero a Mourinho nunca se lle ocorrería adestralo, a non ser que lle pagase o mesmo que Abramovich claro.