Arquivo | Febreiro, 2011

O Madrid recolle o que sementa

28 Feb
O Madrid levanta xenreira aló por onde viaxa. Tocoulle esta fin de semana na Coruña, pero antes sufrírao en moitos outros lugares como Pamplona ou Xixón. O que escribe, que leva vinte anos acudindo a Riazor, ve como ano a ano se incrementa a animadversión cara ao equipo branco, que teima en recoller nos estadios o que sementa no campo e nos medios.
Mourinho era a guinda que lle quedaba ao Real Madrid para perder de vez aquel señorío que disque tivo algunha vez.
Buscar escusas (nos calendarios, nos árbitros, nos presuntos favores ao Barça, no desleixo doutros equipos ante os blaugrana, no céspede, nas fichaxes de Valdano, no regulamento…) cansa. Pero que un adestrador como o portugués- que chegou a colocar a Eto’o de lateral xunto a nove defensas para defender unha vantaxe no Camp Nou – critique a táctica de Lotina provoca tanta risa como indignación. É igual. El ten a última palabra e vetar o dereito a repreguntar (prohibido polos seus xefes de prensa) permiten que el e só el teña a última palabra sobre as súas escusas baratas de mal perdedor.
Agora Mourinho pide que se tomen medidas polos cánticos recibidos en estadios como o de Riazor. Disque é racismo. Quen acusa é o adestrador dun equipo que segue permitindo no seu estadio símbolos fascistas e bandeiras sospeitosamente parecidas ás que utilizaba o III Reich nazi. Tranquilo señor Mourinho. Como ben di o cántico (reprobable como moitos outros), os berros só van dirixidos a “ese” portugués e a ningún outro.
As súas protestas e conspiracións inventadas, o seu ánimo constante de polémica e a súa prepotencia empezan a ser discutidas incluso dentro do seu propio club. Non tanto nos medios afíns, que son capaces de poñer cinco cámaras seguindo a Cristiano e obviar os seus continuos xestos despectivos ou o empurrón de Pepe a Juan Rodríguez. Ese mesmo xogador, o defensa luso, que o pasado sábado fixo un corte de mangas á bancada de Riazor. Alguén gravou esa imaxe?
Por sorte, Riazor goleou na bancada a unha afección madridista que semellaba máis numerosa ao inicio do partido que co asubío final. Se cadra agocharon as camisetas avergonzados pola actitude dalgúns dos seus. Os seus, os visitantes por suposto. A maioría destes seareiros brancos eran galegos. Pero ese tema é recorrente. Ségueme parecendo un síntoma da realidade (triste) dun país. Desta vez, non se lles escoitou demasiado.

Un Rayo en estado de depresión anímica e clasificatoria

28 Feb

O Celta tira cara a Primeira sen présa pero sen pausa. Os puntiños de colchón son xa, máis ca unha alegría, unha tranquilidade. No entanto, hai algo que se comenta moito máis ca o bo rendemento dos celestes: o malo dos seus rivais Rayo e Betis.

Ambos equipos están a pasar por unha situación que xa se viviu en Casa Celta: a temida concursal. No Betis, foise levando con máis pena ca gloria. No Rayo a cousa empeza a pintar realmente mal. Xogadores que levan seis meses sen cobrar, partidos que xa se perden por goleada, piques entre a dirección do club e o cadro de futbolistas. É moi difícil convencer uns traballadores que saquen adiante unha empresa cando as súas nóminas non chegan, pero, mal que ben, e coas protestas absolutamente comprensibles e compartibles, as xentes de Clesa, Dhul e compañía están a cumprir. No caso do fútbol, a cousa cambia, porque xa non se depende tanto dun termo como o de “produtividade” como doutros como “ilusión”, “compromiso” ou “gañas”. Que o fútbol é un estado de ánimo é un tópico ben establecido no mundo do balompé, pero tan tópico como real. Porque o rendemento dos xogadores, sobre todo a respecto dos futbolistas que están no lado contrario, depende en boa medida do seu estado de ánimo. Por iso, semella normal que o Rayo atravese agora un estado de depresión anímica e clasificatoria que, polo ben do fútbol e dos propios xogadores, esperemos que pase canto antes. Porque se algo ten a Segunda División é que curte o carácter tanto de directivos, como de cadro técnico, xogadores e afeccionados. É a irmá pequena sen caprichos nin destellos, e aí radica a súa grandeza. Por iso, dende aquí, ánimos tanto a Rayo como a Betis, porque o Celta quere ascender, si, pero non por incomparecencia. Os de Paco Herrera chegarán a Primeira, por méritos propios.

Aranzubia e o equipo sen alma

21 Feb

O gol de Aranzubia, por moi histórico que sexa, non debería agochar un novo partido pésimo deste Deportivo. O equipo coruñés, logo de demostrar todo o bo do que é capaz ante o Villarreal, volveu xogar sen alma, sen forza e sen ánimo, desta vez en Almería.

Tivo que ser o porteiro quen marcase porque, ás veces, semella el o único futbolista capaz de levantar este equipo, ben sexa coas súas paradas, cos seus berros ou agora cos seus goles. Só el e Pablo Álvarez – a súa profesionalidade é digna de homenaxe – parecían darse conta do que supoñia unha derrota en Almería. En dez minutos, crearon máis perigo que os seus compañeiros en oitenta.

Porque o Deportivo parece necesitar asomarse ao abismo ou dalgún estímulo externo para sacar o amor propio. Se é que todos os xogadores o teñen. Ou era este Juan Rodríguez o mesmo futbolista que destacou o pasado domingo en Riazor? “Xogou o seu mellor partido en dous anos, e non digo máis”, xustificou Lotina daquela, que prescindira del durante dúas xornadas. A bon entendedor…

Ninguén lle esixe ao Deportivo que puntúe en todos os partidos. Nin tan sequera se lle reclama non sufrir. O que a afección non perdoa é que durante 80 minutos paseen polo campo como se aquilo fose unha pachanga máis de solteiros contra casados.

O gol de Aranzubia tapará as eivas deste equipo durante uns días. Unhas eivas que se resumen na falta de actitude que unha e outra vez amosa fóra de Riazor (Santander, Zaragoza, Getafe, Almería…). Non se preocupen. O sábado vén o Madrid, o partido é retransmitido para millóns de persoas e centos de ollos estarán postos en Riazor. Daquela, gañen ou perdan, non aforrarán suor ningún. Pero o seguinte encontro agarda o Osasuna. Aí, unha vez máis, o Deportivo xogarase tres puntos claves para evitar o descenso. E Aranzubia, que se saiba, non cobra por facer milagres.

Que sí, j…, que vamos a ascender

21 Feb

Que sí, joder, que vamos a ascender. Con perdón. Pero é que así se poden definir os sentimentos dos celtistas nestes momentos. Tantos anos de esperas e amarguras e, por fin, parece que clarexan os días. Non era sen hora. O afeccionado medio do Celta espertou o domingo pola mañá, foi buscar o xornal ao quiosco e abriu as páxinas das clasificacións. Era feliz. Estaba o seu Celtiña no primeiro posto da clasificación e, o que é máis importante, ten un colchón de cinco puntos sobre esa promoción de ascenso da que xa ninguén quere depender. Pode que ao principio da temporada fora ese o soño e a ambición, pero agora xa queda pequeno porque cos pés postos no ascenso directo, para que pensar en sufrir nunha promoción? “Persoalmente, non descarto nin o primeiro nin o segundo posto, aínda que o noso obxectivo ten que ser acabar, como mínimo, a Liga no sexto posto”, dicía Quique De Lucas -un dos grandes artífices desta ilusionante temporada- na súa presentación. Optimista chámoslle, pero é que agora parece que é unha sorte de pitoniso. Que se sigan cumprindo os seus designios porque agora, xa ata a sorte dos campións ten o Celta, con iso de marcar no último minuto. A complicada situación económica de Betis e Rayo Vallecano -un paso polo que xa os celestes pasaron con moita dor- semella axudar tamén a que se disparen as ilusión, no entanto, non hai que perder de vista que aínda estamos en febreiro e ata xuño pode haber mil e unha tempestades. Só queda pedirlle a San Paco Herrera de Noé que saiba conducir ben a nave ante os diluvios que se poidan presentar e que no último partido de Liga os seareiros celestes xa teñan deixado de cantar o de “que sí, joder, que vamos a ascender”. Será a proba de que a volta a Primeira xa é unha realidade.

Noela Rey Méndez

Volve a canteira ao fútbol galego

14 Feb

Non foi sen tempo. Deportivo e Celta semellan asentar a política de canteira que tanto tiveron esquecida. A renovación masiva das novas perlas celestes e a presenza cada vez maior de exfabrilistas entre os coruñeses recupera para a afección galega o orgullo polos seus canteiráns.

Logo de anos (mal)gastando cartos en futbolistas que nada achegaron a ningún dos dous equipos (Taborda, Cristian ou Rodri son exemplos recentes por unha banda, e Areias, Okkas ou Rosada pola outra), Lendoiro e Mouriño semellan decatarse por fin que ás veces mirar ao lonxe impide aprezar o que tes xusto ao teu carón.

O descenso do Celta, aínda que non de xeito inmediato, permitiu a chegada ou o asentamento dunha recua de xogadores cada vez máis valorados (Lago, Vila, Abalo, Mallo ou Iago Aspas). Mágoa que teñan que ser as penurias económicas as que permitan ver xogadores da terra nos equipos galegos. Tamén no Deportivo, onde nos últimos anos xurdiron Xisco, Iago, Rochela, Juan Domínguez ou Seoane a medida que descendían os ingresos económicos.

Ben sexa con futbolistas criados na Madroa ou Abegondo, ou con novas promesas incorporadas doutras canteiras para o filial (Michu, Álex López, Laure, Lassad ou Manu), Celta e Deportivo asumen que a canteira sempre é positiva. A implicación que os rapaces demostran dificilmente será comparable á dos fichaxes, pero ademais, en plenas dificultades económicas, seguir o exemplo do Sevilla parece máis que eficaz. Joselu deixou 1,5 millóns en Vigo e Xisco -agora de volta como cedido- 7 ‘quilos’ na Coruña.

Volverán tempos mellores para ambos os dous conxuntos e será daquela cando se demostre se esta política de canteira que agora se asenta foi só unha consecuencia da crise ou é unha aposta froito da reflexión e tras os desfases anteriores. Sexa como for, benvidos sexan os rapaces!

A culpa é de Lotina?

8 Feb

Podemos seguir bourando no mesmo boneco. Podemos seguir dicindo que a culpa é de Lotina porque non sabe motivar os xogadores, que o técnico é o culpable de non darlle a titularidade a un xogador que carecía de documentación, que súa é a culpa de contar cos novos fichaxes o último día do mercado, de que a metade do plantel sexa cedido ou remate contrato en catro meses ou de que o crack (sic) deste club estea máis tempo no médico que no céspede.

Como no fútbol case todo se reduce ao mesmo, parece ata normal que as charlas futbolísticas dos últimos meses atribúan tamén a Lotina o descenso do Celta (botárono cando estaba fóra deses postos), as penurias do Espanyol (gañou o último título dos pericos) ou a morte de Kennedy. “O fútbol é así”, dirán os mesmos que criticarían o adestrador se puxese de titular as tres fichaxes de inverno ante o Getafe. “A quen se lle ocorre poñer tres tíos sen ritmo no once titular á vez?”, escoitaríase.

“Xogadores sen atitude, fóra do noso clube”, dicía unha pintada en Riazor. Por suposto, bótenlle a culpa a Lotina tamén. Se un futbolista maior de idade, cun soldo millonario e defendendo a camiseta dun equipo con milleiros de afeccionados non é capaz de motivarse, o problema é claramente do técnico. Faltaría máis.

Lotina ten erros, e moitos, pero todos sabemos de sobra que son os futbolistas os que fan do club un pandeiro. Pregúntenlle aos afeccionados do Celta.

Só Colotto, nestes últimos días, dixo algo sensato: “Esta es nuestra realidad, luchar con los de abajo”. Ía sendo hora. Porque non hai outra realidade que a dun equipo no que o temón -e posiblemente o mellor futbolista da tempada- é un futbolista que ata o de agora non tiña experiencia nin en Segunda División. A realidade dun conxunto que parece esperar a salvación da man dun futbolista de 35 anos ou da resurrección de estrelas con máis lesións que goles na súa conta. Só as ganas e a actitude poderán salvar este Deportivo.