Arquivo | Xaneiro, 2011

A Liga bipolar, Lotina e o soño do Celta

17 Xan

>> Remata a primeira volta deste campionato cun Barça camiño de quedar na historia como a Holanda de Cruyff ou o Brasil dos 70. O nivel da maioría de equipos é tan baixo que o Real Madrid segue tendo opcións de quitarlle a Liga ao mellor equipo que nunca vimos nun campo.

>> O Deportivo suma 21 puntos, xusto a metade dos que lle farían falta para non pasar ningún tipo de apuro. Vai costar. Non faremos aquí outra defensa de Lotina, só lembraremos que este equipo segue sen dianteiros e que, como diría o outro, fai abondo co que ten. Só unha pregunta: de verdade Rubén Castro non valía para este equipo?

>> O Celta camiña con paso firme. Conseguir o ascenso debe ser un obxectivo máis que unha ilusión. E directo, se é posible. Ter que xogar dúas eliminatorias a dobre partido despois de 42 xornadas de Liga é un risco que pode acabar con infartos en Balaídos. Maloserá!

>> Mourinho é un humorista especialmente fino. Aposto por el para facer monólogos e pola prensa madridista para que lle publique un libro no que resuman as súas mellores actuacións. Quéixase dos árbitros e disque non ten dianteiros. Que pensará Lotina de todo isto? É rir por non chorar. O peor é que lle seguen o xogo.

>> Insistimos: esta Liga deixa moito que desexar. Se nada cambia, sabemos que Barça e Madrid serán os campións dos vindeiros… 30 anos? Hai solución? Durará isto moito? Mentres, Balaídos e Riazor seguirán ateigándose de afeccionados culés e merengues.

>> Non nos esquezamos do Lugo, o mellor equipo de toda España en categoría profesional. Xoga ben e gaña. A Segunda espérao.

Operación Triunfo, o Nostradamus futbolístico

17 Xan

Incrible pero certo. Operación Triunfo, ese reality de nenos cantores aos que acabamos esquecendo en canto a Academia pecha as portas é o Nostradamus do fútbol. A clave coñecina a través dunha noticia que reflectía como aumentaba o tráfico de Twitter durante os programas de televisión, xa que os espectadores gozaban de comentar o que vían con outros usuarios. Pois ben, alí aparecían dende comentarios do xogador do Barcelona Gerard Piqué poñendo o grito no ceo polos estilismos dos triunfitos ata o comentario Nostradamus do que falamos.

Resulta que os anos nos que gañou Operación Triunfo unha muller, o Real Madrid quedou por riba do Barcelona na Liga, léase os casos de Rosa en 2002, Ainhoa en 2003, Lorena en 2007 e Virginia en 2008. Primeiro, xa hai que ter gañas de poñerse a comparar os resultados do concurso de cantantes coa clasificación de Liga. E segundo, de ser isto así, empezará Mourinho a gastar o salario en mensaxes de texto para botar a todos os cantantes masculinos de OT?

A Galicia futbolística e provinciana

11 Xan

Galicia é especial, tamén no fútbol. Os asistentes ao último Deportivo-Barcelona en Riazor experimentaron de novo o patético espectáculo de ver a milleiros de galegos e coruñeses celebrar con paixón os goles contra o equipo da súa terra. Pasou no estadio herculino como pasou moitas outras veces en Balaídos, onde madridistas e culés -galegos e vigueses tamén- adoitan recibir con paixón equipos con sede a máis de 500 quilómetros.

Argumentan merengues e barcelonistas que moitos deportivistas subiron ao carro do éxito co Superdépor e que outros tantos celestes abrazaron a fe celtiña cos partidazos europeos. Eses mesmos que ben seguro non perderon a ocasión de unirse á festa dos títulos coruñeses ou dos triunfos olívicos. Todo sexa pola xolda.

Supoñemos tamén que eles non se subirían ao carro do Barcelona e do Madrid por ser os que case sempre gañan. Ou si? Postos a elixir equipos fóra, hai unha morea de opcións, desde o Atlético ou o Espanyol, pasando polo Betis, o Osasuna ou o Polideportivo Ejido. Pero non, dáse a casualidade de que a maioría de galegos seguen a ser madridistas e barcelonistas.

Nestes detalles tamén se nota como é o país. Nin culés nin merengues son maioría nun País Vasco onde o Athletic e a Real triunfan sen discusión. Tampouco en Catalunya, onde o orgullo de ser catalán vai unido a ser do Barça, pero tamén a resistir á maioría blaugrana animando ao Espanyol. Tampouco, se me apuran, en Asturias, onde os afeccionados rivalizan entre Sporting e Oviedo. Algo terán que ver os clubs galegos, claro, pero botar culpas fóra é especialidade nesta terra… E apuntarse ao cabalo gañador tamén.

Ninguén dubida que calquera pode ter unha preferencia entre Barcelona e Madrid, basicamente porque son dous modelos tan antagónicos que obrigan a decantarse. Pero unha cousa é iso e outra é preferir calquera deles por riba dos teus. Iso si, cando os galegos gañen de novo, poden volver sacar as súas camisetas do armario. Á festa que non falte ninguén.

O caso é que non se salvan nin os que desbordan galeguismo pola boca. Son moitos os que renegan do centralismo político-cultural para entregarse ao centralismo futboleiro máis uniforme. Disque os equipos non se elixen, pero seica os complexos tampouco. En Galicia presumimos da paisaxe que destruímos e da lingua que atacamos. No fútbol, tamén. Así nos vai neste país. Un país provinciano.

Xavi ou Iniesta? Xavi, sen dúbida

3 Xan

A poucos días para que se decida o nome do gañador do Balón de Ouro, as quinielas dan a Andrés Iniesta como claro favorito. Por unha vez (e obviando as patéticas formas de sempre deste adestrador) estou de acordo con Mourinho. Iniesta non o merece. Certo que é un xogador excepcional e que fixo un Mundial brillante, pero se o trofeo pretende premiar o labor durante todo un ano, o de Albacete debería quedar eliminado por simple matemática. Perdeu moitos partidos por lesión e tardou meses en recuperar o seu mellor nivel.

Como ben di Cruyff neste artigo, ninguén dubidaría que por calidade individual Messi é o mellor xogador do mundo, pero se se trata de premiar un ano e incluso unha traxectoria, ninguén mellor que Xavi para bañarse de ouro. Porque el é o que marca o ritmo, o que dirixe a orquestra, o que permite que o baile do Barça semelle un espectáculo inimitable… É agora ou nunca para o de Terrassa. Messi e Iniesta teñen anos por diante para seguir acumulando premios.

Aínda así, todo parece cantado. Lembren que Cannavaro recibiu un Balón de Ouro case exclusivamente polo seu rendemento no Mundial de 2006. Xavi, que xa é o xogador con máis partidos no Barcelona, non marcou o gol na final de Suráfrica, pero nesa mesma xogada -e a catro minutos do final da prórroga- deu o seu último pase co tacón. Con elegancia. Co seu estilo.