Archive | Decembro, 2010

Selección galega, please!

28 Dec

Varias federacións deportivas e varios cargos nacionalistas reclamaron onte a volta das seleccións deportivas galegas. Fixérono case ás agachadas e con escaso apoio mediático, en contraposición con aquela atención que recibiron os partidos dos combinados galegos durante o bipartito. Xa pouco se escoita daqueles que louvaban a idea pola promoción que supoñía para xogadores e xogadoras de varias disciplinas deportivas, que vían nos partidos do Nadal a oportunidade de reivindicarse ante milleiros de espectadores.

Pronto chegaron os que acusaban aqueles encontros de “aquelarres nacionalistas” ou dos que incluso chegaron a acusar a antiga Xunta de “poñer pistolas no peito” para acudir aos estadios. Sempre foron curiosos os argumentos que advertían da politización do deporte ou da masiva presenza de nacionalistas nas bancadas para animar a Galicia.

Certamente, debe haber poucas cousas máis políticas que representar unha bandeira e un territorio en contraposición a outra bandeira e a outro territorio. É política, non hai dúbida, como case todo. E claro que había máis nacionalistas ou galeguistas nos campos. Sería tamén curioso que aqueles que consideran a súa comunidade (territorio, terra, país…) unha nación diferenciada non acudisen con máis ilusión aos estadios que os que a reducen a unha rexión máis dentro doutra nación única que xa conta cun combinado deportivo asentado.

Poucas cousas fixeron tanto ben para a cohesión sentimental dos galegos que aqueles partidos nos que deportivistas, celtistas ou racinguistas acudían xuntos, e sen rancor, a animar a un equipo que era de todos. Aquel “Selección Galega Xa!” apoiado polo deporte e o mundo da cultura permanece agora gardado no caixón das hemerotecas. Cómpre, se cadra, recuperar aquela reivindicación que agora se limita a uns poucos milleiros, esforzados pero sen medios, e que ocupan un espectro ideolóxico moi definido. Cómpre recuperalo, pero cambialo. Mentres, Euskadi e Catalunya seguen xogando. Esperamos ideas. “Selección Galega, please!”

Dopaxe, entre inocentes e parvos

13 Dec

A operación ‘Galgo’ vén de desenmascarar unha importante rede de dopaxe no atletismo español. Ler estes días a prensa aumenta, e moito, as sospeitas sobre o uso xeneralizado de substancias ilegais no deporte en España. Sería inxusto meter a todos no mesmo saco e engadir suspicacias, especialmente naquelas disciplinas colectivas onde a técnica ten moita máis importancia que a forza e a resistencia.

No entanto, e á marxe dos evidentes prexuízos para os deportistas, poucos se acordan agora dos afeccionados. Para un amante do ciclismo, como o que aquí escribe, seralle difícil volver crer neste deporte. Logo dunha Vuelta na que se recuperou a ilusión por un dos espectáculos máis belos que se poden ver, xa nada será o mesmo. A cara de parvo que lle queda un tras as noticias sobre o Xacobeo ou mesmo Contador sería para estudar. Máis cando se pensa nas horas perdidas nos Lagos, coa auga caendo a chuzos, para gozar durante uns minutiños ao paso dos ciclistas.

É tamén agora cando veñen a mente aqueles ‘regates’ que moitos ciclistas fixeron ás preguntas sobre a dopaxe, como aquela do mito Indurain que tan ben recorda Jon Garay neste magnífico blog. “Siguiente pregunta”, repitía unha e outra vez o campión navarro. Como farían logo Rijs, Zülle, Heras… E non falemos dos malogrados Pantani ou Chava Jiménez. A presunción de inocencia é un dereito irrenunciable, pero a inocencia excesiva dos afeccionados podería converternos nos parvos dunha película onde os malos deberían ser os condenados. Que cheguen ao final. E que acaben de vez.

Luís Suárez, o mito esquecido

5 Dec

Non foi sen tempo. A Coruña e Galicia homenaxearon esta fin de semana a un mito do fútbol. Para moitos dos que o viron, como Arsenio Iglesias, o xogador máis grande de Europa durante o século XX ou o mellor futbolista español de todos os tempos. Por títulos, poucos poderían discutilo: tres Ligas en España, tres en Italia, unha Copa, dúas Copas de Feiras, dúas Copas de Europa, dúas Intercontinentais e unha Eurocopa, ademais de dous Balóns de Prata, un de Bronce e o único Balón de Ouro para o fútbol español.

Máis querido e recoñecido en Italia que en España, o Arquitecto -así o chamaban- saíu do barrio coruñés de Monte Alto para conquistar o mundo. Da Avenida de Hércules ao cumio do fútbol. Parece mentira que ata este sábado non houbese placa ningunha que o lembrase. Agora que a prensa futbolística soña cun Balón de Ouro español para Xavi (nada máis xusto habería neste deporte) é cando moitos se acordan que o Barça e España xa tiñan un. E A Coruña e Galicia primeiro.

O que aquí escribe decatouse da grandeza de Luisiño cando tivo a ocasión de entrevistar a vellos e veteranos xogadores deportivistas, que o idolatraban como a poucos. Un deles foi José Mangriñán, ex xogador deportivista e do Valencia nos anos 50 e coñecido polas súas férreas marcaxes. “Marcas más que Mangriñán” foi un dito habitual na España da posguerra. Pouco antes de que morrese resumía neste conto a importancia de Suárez.

Cando marchou cedido ao Deportivo, a directiva levouno a ver un partido amigable entre o primeiro equipo e o filial branquiazul.

– “¿Qué tal ve al equipo José?”

– “Al equipo, más o menos, pero el ’10’ ese que juega en el filial va a ser un crack mundial”.

Ese ’10’ era Luís Suárez. Meses despois, xogaba xa no Barcelona tras un breve paso polo Deportivo. Abondaron un par de partidos para que outros se decatasen do que valía. Aí empezou a súa lenda.