Archive | Novembro, 2010

Calar bocas facendo arte

30 Nov

E o Madrid pode gañar a Liga. E a Champions e a Copa. Pois si. As individualidades do equipo de Mourinho e a diferenza económica que aínda ten sobre a maioría de equipos de España e moitos de Europa concédenlle todas as posibilidades do mundo. E pode que algún día gañe ao Barcelona. Iso si, a labazada que levou o equipo branco quedará para sempre na historia do fútbol.

E non será histórico só por ser a forma máis bela e elegante de calar bocas e prepotencias, senón por ser un exemplo inmellorable do fútbol en estado puro. O que o Barcelona ofreceu onte no Camp Nou foi un exercicio futbolístico inmellorable. Nin os videoxogos poderían imitar a precisión e rapidez coa que os de Guardiola movían o balón á espera dun equipo que era o Real Madrid pero que podería ser o Almería, o Levante, o Racing… É dicir, calquera que asume que gañarlle aos blaugrana é case misión imposible.

Sabíao Preciado e optou por un equipo que disque era B, pero que puxo en moitas máis dificultades ao do estratega Mourinho. Ese que tamén insinuou que Villa non lle marcaba a ninguén, que Iturralde era un bo árbitro para o Barça, que Messi facía teatro… O técnico portugués é tan arrogante que consegue desquiciar os seus rivais, pero neste caso as súas palabras non fixeron máis que motivar a un grupo de xogadores irrepetibles.

Messi, Iniesta, Piqué, Pedro… Unha orquesta sinfónica que dirixe con mestría un xogador que pode que consiga un Balón de Ouro, pero que debería apañar varios. Xavi non ten tatuaxes nos brazos, nin fai anuncios con modelos, nin converte cada partido nun espectáculo egocéntrico. El xoga ao fútbol e xoga para que gañe o equipo. E o luns, ademais de recibir aplausos, acabou levando tamén unha labazada de Sergio Ramos. O equipo señor e cabaleiro volveu dar o peor exemplo. Dime de que presumes… Cristiano? Por alí andaba, pero non é Xavi.

Reflexións dunha Liga ficticia

22 Nov

A xornada de Liga desta fin de semana déixanos reflexións para todos os gustos:

  • Un amigo enviábame o outro día unha mensaxe tras o partido de Riazor. “Enorme Dépor”, dicía. Repliqueille comentando que se cadra era esaxerado o adxectivo para un equipo que se basea na solidez defensiva e no bo facer a balón parado. Rectifico. É ben enorme quen despois de comezar como empezou e coas baixas de Urreta, Guardado, Riki e Lassad, entre outros, é capaz de facer o que fai. Os deportivistas saben de onde veñen. Hai que ir sumando. Só faltan 28 puntos para a salvación… E non hai máis obxectivo que ese.

  • O Celta recupera o bo camiño. Ten boa pinta este ano o equipo vigués. Xoga ben e atrevido, gaña e, sobre todo, non adoita perder. O renovado play-off dálle aínda máis posibilidades a un conxunto no que adestrador semella ser moi culpable do éxito. Fala alto e claro e sabe que a Segunda é moi, moi longa. Queda moito, pero tamén hai moito feito. Bo sinal.

  • Poucos poden merecer máis que Pablo Álvarez un gol como o que pechou a goleada do Deportivo. Nunca conta para Lotina, nunca levanta a voz e sempre sae disposto a correr como se xogase a final do Mundial. Demostrou clase e acumula minutos malia que parecía destinado a non rascar bóla. Sempre dá a impresión de que non hai mellor profesional que el, pero é que ademais ten clase. Noraboa.

  • Que sentido ten sancionar un adestrador con non poder dirixir o seu equipo se está a poucos metros do banco e dá instrucións aos xogadores como quere e cando quere? O mesmo protagonista acaba de dicir que “sen falar” pasou “os mellores doce días no Madrid”. Nós tamén pasamos os nosos mellores días sen aguantar a túa sobredose de protagonismo nos medios. Acabóusenos a paz. Chega o vixésimo sexto partido do século. Prepárense.

  • Por último, o 0-8 do Barça a un pobre Almería e o 5-1 do Madrid a un Athletic que parece chamado a grandes cousas é, máis que espectacular, unha vergonza. Se a mellor Liga do mundo é a que se limita á loita entre dous equipos, mal conto. O reparto do pastel televisivo acordado polos clubs aumentará as diferenzas e seguirá fomentando campionatos ficticios: dous candidatos á Liga, catro para loitar pola Champions e 14 para salvarse do descenso. Así nos vai….

Mourinho, facendo amigos

15 Nov

Di Butragueño que o Real Madrid “non fichou a Mourinho para facer amigos”. Supoñemos que tampouco o contratou para crear inimigos nin para aumentar a xenreira coa que o seu club é recibido nos campos de España. Se esa era a súa intención, non hai máis que felicitar a Florentino Pérez e o seu modelo, ese que basea nos cartos, nas fichaxes mediáticas e no desprezo á canteira o seu proxecto.

A figura de Mourinho non é máis que o complemento perfecto a este modelo e ao seu compatriota Cristiano. Desde logo, a súa xestualidade e chulería compiten cada día en ver quen é capaz de amolar máis nos estadios e nas roldas de prensa. Pero o peor de todo é, sen dúbida, que un e outro teñen a bula da prensa madrileña (e madridista). Mentres Iniesta ou Cazorla -por poñer só dous exemplos- reciben patadas a esgalla en cada un dos seus partidos sen levantar a voz, Ronaldo xesticula, mira á bancada e pide máis a cada falta que lle asubían. Pero o pobriño é perseguido e atacado polos rivais. Unha mágoa.

O seu adestrador tampouco ten perda. Imaxinen a Guardiola entrando no Bernabéu cos seis dedos en alto aludindo aos seis títulos de hai dous anos ou acusando ao Málaga -por poñer outro exemplo- de deixarse perder os partidos co Real Madrid xusto antes de visitar o seu campo. É máis reprobable chamar “canalla” e “mal compañeiro” a un técnico ou acusalo de adulterar a competición saíndo a perder os encontros?

Mourinho rematou un deses días espléndidos facendo xestos despectivos a Manolo Preciado, adestrador do Sporting, desde o autocar do seu equipo, para enviar despois un axudante na busca do insultado. Todo un acto de valentía por parte dun adestrador que celebra as vitorias no Camp Nou (ou en calquera outro campo onde non sexa ben recibido) tirándose ao chan como se anotase os goles, que insultou a Ferguson e Wenger durante anos na Premier e que só é respectado polos interistas en Italia.

Como técnico, Mourinho merece o respecto daqueles que triunfan e gañan títulos, a pesar de que nin o seu estilo nin o seu xogo serán exemplo para ninguén. O seu é a motivación e o seu teatro, parte dunha táctica da que saca réditos. Marchou pola porta de atrás do Porto e sen despedirse do Inter. E marchará algún día do Madrid, deixando atrás algún título (supoñemos) e contribuíndo como poucos ao antimadridismo que antes cultivaron os seus dirixentes. Como dixo Rivera, xogador do Sporting e ex dos merengues: “Na miña etapa no Madrid inculcáronme unha serie de valores que non se parecen en nada aos de agora”. Florentino, que se saiba, continúa calado. A prensa amiga, tamén. Agardamos un comunicado.

Alonso volve caer na última arroutada

14 Nov

Ía a cousa por un bo camiño. Fernando Alonso estaba a facer unha incrible remonta no último tramo da temporada de Fórmula 1. Chegaba a Abu Dabi coa misión de deixar tras del na carreira a Mark Webber, o piloto australiano que co Red Bull levaba todo o ano apuntando a campión. Pero equivocouse o asturiano de rival. Era outro Red Bull, o de Sebastian Vettel o que había que vixiar. E non o fixo. A escudería deulle a Webber o papel de señuelo e Alonso caeu na trampa. Mentres, Vettel rodaba comodamente diante. E así fixo ata que cruzou a liña de meta como campión. El non contaba coa vitoria. Alonso, tampouco. l

Empatar contra un equipo que se desmaia (e o árbitro que pasa do tema)

8 Nov

Cando ás veces poñen no televisor os minutos reais que se xogan dun partido, moitos afeccionados botan as mans á cabeza. Xógase, dende logo, moitísimo menos de 90 minutos. Pois ben, en Balaídos, no Celta-Betis, e sendo xenerosos, poderiamos calcular que se se xogaron 40, bo é. Porque o Betis éche un equipo ben blandiño. Vale que a picardía sexa parte do fútbol, acéptase, pero de aí a que cada falta veña seguida de catro minutos cun xogador patas para arriba, retozando polo céspede, hai un bo cacho.

A cousa pódese ilustrar perfectamente cun só caso: Segunda metade, Bustos e Rubén Castro saltan por un balón. Un contra o outro. O balón sae ás botas dun xogador do Betis. Bustos segue en pé. Rubén Castro quéixase sonoramente dende o chan. O balón segue a xogalo o Betis. Nin falar de botalo fóra. Continúa a xogada. Recupera o Celta. E, de súpeto, o colexiado para o encontro para atender o ex do Dépor. Veña xa!, pensan na grada. Rubén Castro está a menos de 50 centímetros da liña de banda de Preferencia. Chaman as asistencias do Betis, que chegan dende o outro lado do campo. Chaman a padiola, que chega dende a outra esquina. Súbeno, átano, retírano. Total de tempo perdido, catro minutos de reloxo.

Na banda, Rubén Castro ponse en pé. Ri. Pide saír ao campo e faino xusto no momento en que o Celta saca de banda. Ale, alegría. E así nin catro, nin cinco, nin seis veces, moitas máis.

O resultado, que un partidazo con máis que sabor a Primeira, quedou deslucido por un árbitro sen carácter ningún e por un equipo que fai de picardía unha trampa ao xogo limpo. Así si que non se pode

A monotonía de sempre

2 Nov

Agora que levamos xa nove partidos de Liga, poden comprobar vostedes que nada cambiou por este campionato monótono. Real Madrid e Barcelona continúan abusando sen piedade dos seus rivais e o líder, con 27 puntos disputados, xa saca oito ao quinto clasificado. Total, que se o Atlético de Madrid perde o vindeiro domingo o derbi, situarase na xornada décima a doce (si, doce!) puntos do seu eterno rival.

Mentres os clubs intentan argallar un sistema de reparto dos dereitos de televisión que corrixa en algo esta desfeita, Madrid e Barcelona dispóñense a unha batalla para dilucidar se desta vez os de Guardiola perden máis dun partido ou se os de Mourinho son capaces de acabar a Liga con máis de cen goles. Os medios da capital seguirán insistindo que esta é a mellor competición do mundo e os que non somos afeccionados nin duns nin doutros seguiremos crendo que ou nos toman por parvos ou a eles só lles divirten as malleiras sen oposición.

Posiblemente, iso si, Barcelona e Madrid sexan os dous mellores equipos do mundo, pero a distancia sideral que manteñen cos seus rivais di pouco a favor dun campionato que vai camiño de ser tan divertido para eles dous como aburrido para os demais. E mentres este deporte segue, os rapaces seguirán comprando máis camisetas blaugranas e brancas que branquiazuis ou celestes. E a ver quen lles convence aos pícaros de que as prendas do Deportivo e do Celta son máis apetecibles que as do xenio Messi ou do pesado e omnipresente Cristiano…