Arquivo | Outubro, 2010

O peor erro de Lotina

26 Out

Lotina cometeu moitos erros, non hai dúbida. Quizais o peor deles foi facelo tan ben. Si, facelo demasiado ben. Os éxitos nas dúas últimas campañas fixéronlle crer a el, aos seus xogadores e posiblemente a parte da afección que tiña un plantel mellor do que pensaba. Creuno el, crérono os futbolistas e alguén se atreveu a dicir que este equipo aspiraba a Europa. (houbo ilusos que chegaron a soñar coa Champions o ano pasado! ).

A segunda volta da pasada tempada e o sétimo posto da anterior foron algo moi semellante a un milagre do que el, e tamén os futbolistas, claro, tiveron boa parte de culpa. Pero o primeiro ano perdeu a Lafita e a Verdú (máis de 15 goles entre os dous) e o segundo a un tal Filipe Luís. Viñéronlle moitos cedidos e ningún dianteiro, mentres moitos dos xogadores claves quedaban sen renovar a un ano da súa posible marcha. Arriscou e quedou, cando é fácil supoñer que de marchar sería recordado como un dos adestradores máis meritorios da historia do Deportivo. Nunca houbo tan pouco vimbio para tanto cesto. Ou si? Pregúntense cantos xogadores deste plantel xogarían nos conxuntos españois que están en competición europea.

Este equipo precisa un revulsivo e botar un adestrador é, evidentemente, a única opción para logralo en situacións extremas. Quizais Lotina estea superado e xa non saiba que argallar. Se cadra o Deportivo perde co Espanyol e Lendoiro acaba coa súa tradición de paciente infinito. Será daquela cando o adestrador, puidendo criticar a falta de medios, marche sen botar nin un chío. Podía estalo facendo agora, como fixeron outros que tendo un equipo infinitamente superior asinaron tempadas ridículas (“se venden hasta los balones”, lembran?). Pero nin o fixo, nin o fará. Marchará calado e coa cabeza baixa. E algúns, malia todo, aplaudirémoslle.

Un xenio de nome Iago Aspas

19 Out

Nun lugar de Moaña, de cuxo nome agora mesmo non me acordo, naceu hai unha vintena de anos un mozo tan rabudo e nervoso como xenial e fedello. De nome puxéronlle Iago e de apelido, Aspas. Cando os seareiros celestes o coñeceron, rendéronse aos seus pés. É máis, o carallo do rapaz foi quen de salvar o Celta dos infernos infernísimos da Segunda B. Daquela si que era para facerlle un monumento e non o de Mostovoi, vamos.

Pois ben, el, tan xenial como é, tivo os seus problemiñas para adaptarse á Segunda, pero, con todo, deixou dous dos detalles máis luxosos que se teñen visto pola categoría de prata nos últimos anos. Primeiro, foi un taconazo inmenso que fixo tremer o reinado de Guti con aquel que se marcou en Riazor ante o Dépor. Mesmo lle saíu un grupo mítico do Facebook que o proclamaba como o mellor dos dous. E esta mesma fin de semana volveu poñer o calcaño para marcar un gol ante o Villarreal B. Valer, o que se di valer, valeu só un puntiño (por aquilo do penalti que se lle ocorreu pitar ao señor de negro a falta de dous minutos para o final), pero, con todo, esa imaxe vale máis que mil palabras.

Ben sabe o rapaz que ten importancia no esquema de Paco Herrera, quen, na súa filosofía, ten claro e meridiano que os partidos se gañan nos últimos 20 minutos. E aí é onde o fedello moañés se move como peixe pola ría de Vigo. Non é que sexa un xogador revulsivo. É que é un revulsivo en si mesmo. Cando lle dá a esas patiñas e bota a correr, os defensas xa non saben nin para onde mirar, porque, Iago Aspas sacará algunha xenialidade que os deixará co cú no chan. Iso seguro.

Non maten o fútbol

14 Out

Os campos de Primeira baléiranse ano a ano. O abuso do fútbol televisado e os horarios imposibles escollidos pola Liga fan desistir a moitos do espectáculo en directo. Mellor nin falemos dos desprazamentos, cada vez máis imposibles por culpa dun deporte que pasou de ser da xente a ser das televisións e da LFP. Malia todo isto, hai decisións que non hai por onde collelas. Os afeccionados do Deportivo que tiñan pensado ir animar o seu equipo a Donosti, e gozar tamén da capital guipuscoana, pódense ir esquecendo. O partido, por obra e graza da organización deste campionato, será o vindeiro luns 25. Nin o sábado, nin o domingo, o luns, un día que non lle foi asignado ao Sevilla-Athletic ou ao Osasuna-Málaga, equipos separados por unha península enteira de distancia.

Así, os seareiros branquiazuis terán que prescindir dunha das poucas viaxes que non lles levan máis de 10 horas en coche ou na que a excelente relación coa bancada rival lles permite pasar unha fin de semana de festa. En definitiva, a LFP parece decidida a prescindir do mellor deste deporte ou do único que lle deu vida durante anos. As peñas e afeccionados que tiñan hotel e viaxe reservada en San Sebastián terán que pagar agora as consecuencias. Se fan o favor, non maten o fútbol.

E a Rianxeira volveu camiñar por Balaídos

11 Out

Cando comezou a soar na metade do segunto tempo, moitos dos seareiros de Balaídos non daban creto. “Están a cantar A Rianxeira?”. “Si, claro, únete”. E sí, era certo. Non era o Celta da UEFA, non estaban nin Mostovoi nin Mazinho no céspede, tampouco o rival era a Juventus. Pero alí estaba a virxe de Rianxo. O Celta de Paco Herrera ilusiona, e moito. É o Celta que trata de saír do inferno da Segunda División, guiado por De Lucas e David e co pequeno Joan Tomás exercendo de rebuldeiro entre liñas, e diante estaba o Alcorcón que lle deu o susto máis grande da historia recente ao todopoderoso Real Madrid. E o Celta ilusiona.

Comungan no mesmo lado equipo e afección. Uns dan, os outros responden. Moito cambiou o conto a respecto das temporadas anteriores cando entrar en Balaídos significaba para moitos un chimpo no corazón. “A ver se non saio con moito disgusto hoxe”. Agora semella que o camiño está máis limpo de atrancos. Éche un todos para un.

Chamou á tranquilidade o presidente Mouriño que, certo é a cousa, nunca en tal se vira. Acostumado como está a ter que lanzar mensaxes tranquilizadoras por mor dos malos resultados, debeuse mirar como un bicho raro dicindo aquilo de que “a cousa non é como comeza, é como acaba”. Pero claro, calquera lle rebaixa a ilusión agora ao seareiro. Porque cada vez que David arranca a correr, ten a seguridade de que a vai enchufar para dentro. Porque cando De Lucas rouba un balón, sabe que sairá un contragolpe mortal para o equip contrario. Porque cando o rival tenta saír ao ataque, sabe que se vai atopar con Bustos, Garai e Álex López listos para paralo (e si eles fallan, de seguro que Catalá e ese novo central descuberto por Herrera chamado Jonathan Vila estarán no sitio adecuado e no momento preciso).

E así vai a cousa. E así foi como o sábado, entre o frío que ía en Balaídos, de súpeto o ambiente se quentou coa chegada da virxe de Guadalupe, leda Rianxeira que quere quedar a vivir entre as paredes do vetusto estadio.

Nenos contra homes

4 Out

Ver un partido do Deportivo nesta tempada é como presenciar un encontro entre alevíns e profesionais. Máis aló das derrotas, en moitos casos previsibles, o espectáculo que ofrecen os branquiazuis desespera. E desespera por falta de xogo, pero tamén pola ausencia de intensidade e forza. No Bernabéu, con 75 minutos consumidos e un humillante 5-0 a prol dos brancos, o equipo de Lotina levaba 4 faltas (unha delas por unha dubidosa man de Lopo) fronte ás 5 do Real Madrid. Incomprensible.

Ninguén se atreverá aquí a fomentar a violencia ou o xogo sucio, pero semella ata ridículo pretender sacar algo positivo ante un grande colocando alfombras ao seu paso. Nin contundencia, nin agarróns para parar os contraataques, nin nada. O conxunto coruñés acumula tempadas facendo honra ao seu nome e liderando a clasificación do xogo limpo, esa que nin dá puntos nin mete goles. O Madrid, ante tal mostra de candidez, decidiu que era o día perfecto para calar bocas, amosar a súa contundencia goleadora e, de paso, acumular louvanzas. Que non se equivoquen. Non parecía moi difícil golear un equipo no que a garra desapareceu de súpeto. E a falta de amor propio, digan o que digan, non pode ser só culpa de Lotina.