Guadalajara ou como o fútbol debería ser

12 Mar

Os deportivistas que viaxaron a Guadalajara viviron unha desas viaxes que quedará gardada na memoria. E non polo decisivo do partido ou polo espectacular do resultado. Porque o fútbol é moito máis ou hai cousas deste deporte que deberían selo case todo. Que unha afección dun equipo que acaba de perder na casa aplauda aos seareiros rivais mentres estes celebran a vitoria é algo non moi habitual. Que as peñas deste mesmo equipo conviden ás do rival á súa festa é máis estraño aínda. E que presten instrumentos e palcos improvisados para  un duelo de cánticos amigable é unha festa. Rachada.

Porque hai moitos imbéciles (con perdón) que afrontan cada encontro como se dunha batalla se tratase. Que non entenden que o mellor deste circo que tanto engancha é o que se viviu nesta pequena cidade: dúas afeccións en sintonía, sen insultos, gozando do deporte e do turismo futboleiro. Os responsables dunha peña alcarreña trataban de explicar o pasado sábado a razón dunha hospitalidade que a maioría non agardaba. “No es normal que aquí vengan 2.000 personas; no estamos acostumbrados a disfrutar así del fútbol y lo que nosotros queremos es gozar de nuestra estancia en Segunda y de equipos como el Deportivo”, explicaba. E abofé que gozaron. Como os galegos que alí se desprazaron. Porque a afección do Guadalajara deu unha lección a todos. Tamén aos imbéciles (de todos os equipos) que insisten en estragar o que debería ser normal e en facer da tensión e as rivalidades esaxeradas unha norma. Como a aquel que en pleno intercambio de aplausos e cánticos agarimosos tratou de parar aos que berraban “¡Guadalajara!” para agradecer o tratamento recibido. Ninguén lle fixo caso. Por imbécil (con perdón).

Deportivo, Celta e o valor dos nosos

28 Feb

Os dous equipos galegos lideran a clasificación de Segunda. Agora, aínda máis preto un do outro tras a vitoria do Celta e a derrota dun Deportivo que curtou a súa histórica xeira. Hai poucos que dubiden xa que ambos os dous conxuntos son os máximos favoritos ao ascenso. Por xogo e por plantel. E con esa rivalidade no máis alto da táboa, xorde a pregunta: quen ten mellor equipo? Difícil dicilo.

Un ex adestrador con experiencia en Segunda e Primeira asegurábame hai pouco que, aínda que os branquiazuis contan cunha excelente nómina de futbolistas, os celestes son superiores nalgunha demarcación.  Os de Paco Herrera son fortes nos laterais, con dous galegos á cabeza; no mediocentro, que lidera un recuperado Oubiña;  e nunha dianteira veloz e con múltiples recursos.  Os de Oltra manteñen un centro da zaga de Primeira, con Aranzubia como gardián; contan cun dianteiro de nivel como Riki; e gozan da clase de Valerón e dun sorprendente Juan Domínguez, ademais da calidade de Guardado ou Bruno Gama.

Son semellantes e son bos. E poden subir a Primeira sen temor a ter que facer de novo uns equipos nos que a canteira está asentada no Celta e vaise asentando no Deportivo. Como di Luís César neste artigo, se volvese a selección galega xa non teriamos que rebuscar futbolistas noutros equipos e noutras ligas para conformar un once de garantías. Un coma, por exemplo, este: Yoel, Mallo, Rochela, Túñez, Lago; Oubiña, Bergantiños, Juan Domínguez, Álex López, Juan Carlos e Aspas.

As meigas tamén xogan

23 Jan

“As meigas están do noso lado”. Iso deben pensar os dous grandes galegos tras as últimas xornadas de Liga. Deportivo e Celta volveron sumar para rematar a primeira volta nos postos de privilexio. E fixérono cunha importante dose de fortuna, tanto os coruñeses en Riazor (con tres balóns á madeira do Villarreal B, unha expulsión e un gol en propia porta), como o Celta en Córdoba, a onde os locais só lles faltou o remate final para traducir o seu insultante dominio en gol.
Xa na anterior cita, branquiazuis e celestes tiveron as meigas de cara ante Huesca e Nàstic respectivamente. Porque habelas hainas. E ben seguro que as bruxas que enviaron ao ceo de Granada o penalti de Michu e por fóra aqueles balóns de Riki e Adrián ante o Valencia e Sporting pensaron que xa era dabondo. Non todo ía ser chorar. Que non marchen.

O Barça e o novo Brasil

19 Dec

Non hai moito tempo, os rapaces soñaban con ser brasileiros. E non polas marabillas varias que agocha Brasil (iso descubriríamolo máis tarde, claro), senón polo seu fútbol e polos seus futbolistas. Os nosos pais falaban de Pelé, Garrincha ou Zico e nós medrabamos idolatrando a Bebeto, Romario, Mauro Silva, Roberto Carlos ou Raí e máis tarde a Ronaldo, Ronaldinho ou Rivaldo. Viamos vídeos daquel Brasil dos 70 que nos insistían en declarar o mellor equipo do mundo e repasabamos unha e mil veces aquel gol que non foi gol d’O Rei do balompé.

Os nosos ídolos locais eran menores, unha especie de categoría inferior nun deporte dominado pola verde-amarela, eses globetrotters invencibles, eses extraterrestres. E non había equipo español que non intentase fichar un brasileiro que, fose como fose, sempre acababa sendo o líder do equipo. Bebeto, Mauro Silva, Rivaldo, Djalminha, Mazinho, Romário, Ronaldo, Ronaldinho… Sempre eles, sempre os mellores.

Pero agora, os globetrotters visten de blaugrana, a maioría son canteiráns do Barça e o seu espectáculo é rematado por un arxentino. O cambio de ciclo que nunca quixemos (nin agardamos) crer resúmese na frase do que é considerado o mellor xogador brasileiro do momento. Neymar cre que o Barcelona lle deu, na final do Mundial de clubs, “unha lección de como se xoga o fútbol”. E dio o ídolo do que era o país do deporte máis popular do mundo, o mesmo xogador que sería suplente no equipo de Guardiola. Porque, non nos enganemos, a alguén se lle ocorre un brasileiro que puidese ser titular na selección española de Xavi, Cesc, Iniesta, Xabi, Busquets ou Casillas? Quizais un, si, pero ese tamén xoga no Barcelona e na última obra de arte do conxunto de Pep rematou máis a porta que os dianteiros dalgún equipo de Primeira en toda unha Liga.

As teclas de Oltra

27 Nov

Parece que Oltra comeza a dar coa tecla aquela que buscaba. E estaba na casa. A inclusión de Juan Domínguez dálle ao Deportivo máis balón, máis control e máis fluidez no mediocampo. Certo que lle resta solidez, pero non hai mellor defensa que gardar a pelota o maior tempo posible, e aí o canteirán é especialista.

Porque ante o Almería o Deportivo xogou un partido completo. Certo é que non creou tanto perigo como noutros encontros, pero a cuestión é que tampouco llo crearon. De que vale ter cinco ocasións claras se o rival crea outras tantas? Nada como ter o balón e sacalo con acerto. E aí, Zé Castro non ten rival no plantel coruñés. Ten criterio e o venres permitiuse pases de 50 metros que había meses que non aparecían por Riazor.

Pero Zé Castro equivocouse. Marchou por onde non debía e tocoulle a tecla mala a Oltra, que tamén se trabucou. Que un adestrador teña que ser calmado polo preparador físico, o seu segundo e algún futbolista non é unha imaxe edificante. O erro do defensa portugués non semellaba tan grave como para que o adestrador valenciano quedase en evidencia desa maneira. Alporizado, berrando e dando golpes ao banco. Incomprensible, a non ser que se decatase naquel momento que a decisión de prescindir de Rochela e a enésima (e case agardada) lesión do zagueiro luso lle obrigaba a improvisar con Manuel Pablo de central.

Arranxemos o derbi

15 Nov

Disque non houbo grandes disturbios, pero o que non houbo foi puntería. As botellas non deron atinado nalgunha cabeza nin no condutor dun bus. Os asentos tampouco bateron con forza nos rapaces da bancada de abaixo. O que houbo foi, unha vez máis, estúpidos cometendo estupideces. Estupideces que son un delito.

E non hai desculpa. Só nos arrepentiremos cando a puntería mellore. Daquela botaremos as mans á cabeza e lembraremos que noutros derbis a xente comparte tapas e cañas e só discute verbalmente, vacilando, con inxenio. Coa retranca que uns e outros amosaron con algunha pancarta. Porque saben facelo, saben facer rabear ao veciño sen ameazalo, empregando o humor, sendo agudos… Pero non queren.

E moitos non queren porque ninguén lles di que iso é o mellor. Políticos localistas aproveitáronse ben do fútbol hai anos. Agora futbolistas e directivos seguen o seu ronsel, sacando a lingua a pacer ou impedindo escenas de cordialidade entre os equipos. Pero son minoría, como os estúpidos que houbo en Riazor. A maioría sente a rivalidade, pero que celtista non ten amigos deportivistas? Que deportivista non ten amigos celtistas? Por que non poden ir xuntos ao estadio?

Arranxemos o derbi. E se os afeccionados (sensatos) dun e doutro equipo toman a iniciativa? Non poden facer máis as federacións de peñas? Imaxínense unha quedada de celtistas e deportivistas na previa do vindeiro derbi. Nunha praza, todos xuntos, mesturados, sen problemas … A quen lle tirarían pedras os imbéciles? Daquela si que terían que ter puntería. Demasiada.

As estupideces dun derbi

9 Nov

Hai xa varias semanas, un compañeiro xornalista fíxome unha advertencia: “Téñolle moito medo a este derbi”. Non o dicía polo temor a unha derrota do seu equipo, senón polo perigoso ambiente que arrodeaba o duelo galego deste domingo. “E os clubs tampouco axudan a calmalo”, respondeu outro compañeiro de profesión. Referíase á diferenciación de gustos futbolísticos feita por Lendoiro, á inoportuna alusión ao eterno rival nos anuncios promocionais do conxunto vigués ou á estúpida prohibición de entrevistas conxuntas entre deportivistas e celtistas. Iago Aspas aínda non botara a lingua a pacer.

Porque a rivalidade é fundamental no deporte, o sabor do fútbol, sempre que non pase de vaciles, bromas e discusións. Podemos incluso entender que a tensión derive en enfrontamentos dialécticos e insultos durante o partido, que haxa nervios e sufrimiento, pero hai estupideces ­-e non falo das palabras do dianteiro moañés, que tamén o son- que son moi propias dos derbis. Tamén do galego, como non.

Hai un mes, Athletic e Real Sociedad enfrontáronse en Donosti no derbi vasco. A rivalidade entre guipuscoanos e biscaínos, que vai máis aló do futbolístico, quedou reducida ás palabras. Afeccionados de ambos os dous conxuntos aproveitaron o partido para compartir pinchos e cervexas pola zona vella donostiarra enchendo de colorido a cidade. Nin un só problema.

Pero a ningún seareiro  do Deportivo ou do Celta se lle ocorrería pasear coa súa camiseta pola cidade rival con motivo do derbi. Pódeo facer, si, arriscándose a ser agredido en calquera dos dous lugares. É así de triste. Mentres branquiazuis e celtiñas poden lucir as súas cores sen problemas en Santander, Valladolid ou Ponferrada, na súa terra vense obrigados a agochalos para garantir a súa seguridade e evitar desgrazas.

Nin grupos de amigos con afeccionados dos dous bandos se atreven a gozar xuntos dunha xornada que debería ser unha festa pero que, non nos enganemos, só o pode ser de forma separada. Quizais as federacións de peñas dun e doutro lado deberían rachar con esta dinámica. Está na súa man intentalo. Todos sabemos ben de onde veñen os riscos: daqueles que presumen de antirracistas e hipergalegos e non dubidan en insultar ao veciño ao berro de turco ou portugués. Estupideces.